Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lanza a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para elaborar plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación

O Goberno galego advirte de que ningún concello conta cun plan deste tipo, algo especialmente necesario tras constatarse serios riscos na seca de 2017

Os municipios dispoñen ata o 24 de xullo para solicitar axudas para a elaboración destas guías de actuación, para o que contarán cun financiamento autonómico de ata 15.000 euros

A convocatoria de axudas priorizará os concellos de menos de 50.000 habitantes e conta cun orzamento de 250.000 euros que se poderá ampliar

Augas de Galicia publica hoxe na súa web un modelo de plan de emerxencia que quere servir de referencia técnica aos concellos

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019.- A Xunta de Galicia lanza hoxe a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación. Con esa medida a Administración autonómica quere fomentar a prevención e a anticipación, tendo en conta que ningún municipio galego conta cun plan deste tipo e que o episodio de seca de 2017 evidenciou a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron en rolda de prensa a orde de axudas aos municipios cuxa convocatoria fai pública hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Concretaron que, a partir de mañá e ata o 24 de xullo, os municipios galegos poderán solicitar unha subvención de ata 15.000 euros para elaborar un plan de emerxencia fronte á seca. A convocatoria de axudas priorizará os concellos de menos de 50.000 habitantes e conta cun orzamento de 250.000 euros que se poderá ampliar en caso de que o volume de solicitudes exceda a partida dispoñible.

As axudas convócanse para os plans redactados neste ano e no vindeiro 2020, financiando a Xunta nun 80% de cada plan, e podendo achegar financiamento o resto das administracións públicas.

A conselleira remarcou que o apoio da Xunta aos concellos é tamén de asistencia técnica, tendo en conta as dificultades que pode implicar a elaboración dun documento desta magnitude, especialmente para os municipios pequenos. Hoxe mesmo na páxina web de Augas de Galicia publícase unha guía de plan municipal coa fin de servir de referencia para o traballos dos concellos.

Seguindo ese modelo, a elaboración dun plan de emerxencia permitirá que os concellos realicen unha primeira auditoría sobre o estado das redes de abastecemento para identificar as súas debilidades, localizar posibles fugas de auga, e determinar a súa situación ante episodios de seca.

Ethel Vázquez lembrou que a Lexislación estatal establece a obriga dos concellos de máis de 20.000 habitantes de contar con plans de emerxencia fronte á seca.

Colaboración de todas as Administracións

A conselleira incidiu en que a Xunta, unha vez máis, aposta por prestar apoio técnico e financeiro aos Concellos en materia de augas e defendeu a necesidade de que as distintas Administracións xunten esforzos e colaboren, cada unha no eido das súas competencias e responsabilidades.

Neste sentido, referiuse ás confederacións hidrográficas, organismos iguais a Augas de Galicia, e, especialmente, ás deputacións provinciais como corresponsables dos servizos nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A conselleira pediu unha maior implicación das deputacións provinciais na boa xestión da auga para apoiar aos pequenos concellos, como xa o está a facer a Xunta de Galicia con estas axudas.

Reiterou que os Concellos deben resolver os problemas actuais que teñen nas súas redes de abastecemento, para estar mellor preparados ante posibles situacións de diminución dos recursos hídricos dispoñibles, e aquí mencionou os estudos e análises que indican que existen perdas en rede de ata o 40%.

A conselleira destacou que garantir o subministro de auga é unha das prioridades de actuación da Xunta e avanzou que se reforzarán as respostas fronte á seca a través da Lei de medidas de garantías de abastecemento que prevé aprobar proximamente.