A auga é un recurso fundamental para o territorio galego e xestionalo adecuadamente é vital para avanzar na consecución dunha Galicia máis verde e azul, un dos obxectivos da Xunta nos últimos anos e tamén de cara ao futuro. Trátase dun asunto especialmente relevante nun momento no que os cambios derivados do cambio climático implican grandes retos que debemos transformar en oportunidades demostrando a nosa capacidade de adaptación e buscando fórmulas coas que mitigar ou minimizar esas transformacións.
Galicia é unha comunidade definida pola auga dos seus ríos, as rías, as choivas ou os mananciais -entre outros recursos hidráulicos- que teñen unha gran influencia na conformación das súas paisaxes e mesmo no carácter das súas xentes. Temos unha riqueza única e o cometido de preservala e potenciala mediante a creación de infraestruturas e hábitos que contribúan a optimizar o seu aproveitamento en todos os eidos. A auga é vida, cultura, economía, paisaxe e moitas cousas máis que fan que se converta nun elemento indisociable da identidade da comunidade..
Por iso, debemos implicar ao conxunto da sociedade na xestión responsable dos recursos hidráulicos para lograr que a auga siga sendo protagonista da nosa xeografía, do clima, das tradicións e do día a día das nosas xentes.
Precisamente, como a auga está presente en moitos ámbitos da vida dos cidadáns e hai numerosos trámites que teñen que realizar relacionados con ela, poñemos á súa disposición esta web para que sexa unha ferramenta accesible facilitadora das xestións coa Administración. Con ela damos pasos na boa dirección para que este elemento fundamental, xerador de vida, siga tinguindo de verde e azul o noso territorio.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.