Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta lembra que xa estudou en profundidade a ría de Pontevedra e agora cómpre responsabilidade das administracións para afrontar o saneamento e garantir a boa calidade das augas

O Executivo galego lamenta que o delegado do Goberno en Galicia obvie a urxencia de sanear a ría e aposte por seguir dilatando a solución a un problema que pon en risco a actividade marisqueira e o turismo na zona

A Xunta iniciou en 2015 un estudo exhaustivo de toda a ría e do sistema de saneamento e depuración, identificando os problemas e propoñendo solucións a través dun Plan compartido con todos os concellos

Lamenta que o delegado do Goberno descoñeza a existencia deste traballo inxente realizado

Se o Goberno de España ten unha preocupación real pola ría de Pontevedra pode implicarse directamente no asunto, máis alá das opinións, declarando a actuación como de interese xeral do Estado

Augas de Galicia está a traballar para acometer as actuacións que lle corresponden e que empezarán pola construción dun novo emisario submariño e a mellora da depuradora de Lourizán

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2019.- A Xunta de Galicia lembra a necesidade de iniciar con urxencia as actuacións planificadas para sanear a ría de Pontevedra, cuxas augas se atopan en serio risco polas deficiencias do sistema de saneamento e depuración.

Ante as declaracións feitas onte polo delegado do Goberno en Galicia, o Goberno galego lembra que nos últimos anos traballou intensamente na realización dun estudo en profundidade da ría de Pontevedra e agora cómpre que todas as Administracións demostren responsabilidade para afrontar o saneamento e garantir a boa calidade das augas.

A Xunta lamenta que o delegado do Goberno en Galicia se manifestase onte a favor de seguir dilatando a solución do problema, obviando a súa urxencia e o risco que a situación supón para a actividade marisqueira e o turismo na zona.

O Goberno galego subliña que a necesidade de sanear a ría de Pontevedra é urxente e así o exixe a Unión Europea, que ten aberto un expediente sancionador polo incumprimento da Directiva Marco da Auga nesta ría, asunto que debería preocupar ao Goberno central e aos seus representantes na comunidade.

A Xunta iniciou en 2015 un estudo en profundidade de toda a ría de Pontevedra e do seu sistema de saneamento e depuración, identificando os problemas e propoñendo as solucións recollidas no Plan de saneamento que foi compartido, en todo momento, cos concellos afectados e cos profesionais dos sectores vinculados.

Esta avaliación da ría permitiu identificar as deficiencias nas redes de saneamento, de competencia municipal, que provocan que chegue á depuradora unha elevada porcentaxe de auga de mar, de chuvia e do río Gafos, que encarece o proceso de depuración e diminúe a súa eficacia. Así, é preciso que os concellos solucionen esas deficiencias e carencias.

Augas de Galicia está a traballar para acometer as actuacións da súa responsabilidade, que comenzarán coa construción dun novo emisario submarino e a reforma da actual depuradora de Praceres.

A Xunta considera lamentable que o delegado do Goberno en Galicia descoñeza a existencia deste traballo inxente realizado e salienta que se o Goberno de España ten unha preocupación real pola ría de Pontevedra pode implicarse directamente no asunto, máis alá das opinións, declarando a actuación como de interese xeral do Estado.