Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 3 ofertas para o servizo de explotación e mantemento da rede de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da demarcación Galicia-Costa

Este contrato conta cun orzamento total de case 3,3M€ e desenvolverase durante un período de ata 5 anos

Trátase das estacións de aforos que realizan o control dos niveis de auga en 95 puntos da rede hidrográfica de competencia autonómica, que recollen a información dos caudais circulantes en tempo real

Esta rede permite o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas, tanto inundacións como fenómenos de seca, sendo unha ferramenta básica na toma de decisións

Este sistema tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 3 ofertas de empresas para o servizo de explotación, mantemento e conservación da rede actual de estacións de seguimento dos niveis de caudais dos ríos da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.  

Este contrato conta cun prazo inicial de execución de 24 meses e cun orzamento de algo más de 1,3 M€, incluíndose a posibilidade de prórroga dos servizos de ata 36 meses, cun orzamento estimado de máis de 1,9 M€.  O investimento total deste servizo acada así un investimento de preto de 3,3 M€

A densidade da rede fluvial na demarcación Galicia-Costa dificulta a súa vixilancia de xeito continuado polo persoal de campo. Por isto, Augas de Galicia implantou un sistema automático de medición en tempo real dos valores de cantidade das augas superficiais continentais en determinadas zonas estratexicamente seleccionadas, que permite facer un seguimento dos fenómenos adversos, de cara a responder de xeito máis áxil ante estes.

A implantación desta rede de control nos ríos da demarcación de competencia autonómica contribúe ao coñecemento da cantidade dos recursos hídricos superficiais dispoñibles, e ao control en tempo real dos caudais circulantes polos ríos, formando parte fundamental dos protocolos de seguimentos de situacións de seca e enchentes. 

Mediante estas estacións de aforos, Augas de Galicia realiza o control da variación dos niveis de auga en tempo real en 95 puntos da rede hidrográfica de Galicia-Costa, o que permite ter información dos caudais circulantes en cada momento.  

Trátase de facer o seguimento das situacións hidrolóxicas extremas en tempo real, tanto inundacións como fenómenos de seca, constituíndo unha ferramenta básica de axuda na toma de decisións. 

A información obtida nas estación de aforo resulta fundamental para realizar a planificación hidrolóxica por parte de Augas de Galicia, xa que permite estimar os recursos existentes na demarcación hidrográfica, a caracterización das masas de auga, a ordenación dos usos, o mantemento de réximes hidráulicos e a conservación das concas dos ríos. 

Os citados datos facilitan á entidade hidráulica da Xunta a supervisión das obras hidráulicas e o deseño, ordenación e execución das grandes redes de distribución de abastecemento e saneamento.

Tamén achega información para a realización de diversos tipos de estudos, tanto por parte de Augas de Galicia, como doutras administracións públicas, universidades ou usuarios da auga.