Nicolás Vázquez Iglesias sinala que se trata dun labor continuo, que se desenvolve ao longo de todo o ano, cun triplo obxectivo: reducir os riscos, favorecer a conectividade fluvial e conservar os nosos ecosistemas
No río Tomeza, estase a actuar en 4,7 quilómetros para mellorar o estado da canle, favorecer a circulación, corrixir problemas de erosión e eliminar especies exóticas invasoras, executándose na actualidade obras de bioenxeñería para frear a erosión
O mantemento dos ríos é fundamental tanto para evitar desbordamentos como para garantir a correcta circulación da auga en épocas de escaseza como a actual
Vilaboa (Pontevedra), 6 de novembro de 2026
O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, puxo hoxe en valor o traballo que realiza Augas de Galicia para garantir a conservación e mantemento dos ríos e anticiparse aos efectos do cambio climático.
Durante unha visita que realizou esta mañá ás actuacións que se están levando a cabo no río Tomeza, en Vilaboa, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, o conselleiro sinalou que se trata dun labor continuo, que se desenvolve ao longo de todo o ano, cun triplo obxectivo: reducir os riscos, favorecer a conectividade fluvial e conservar os ecosistemas.
No caso do río Tomeza, estase a actuar en 4,7 quilómetros —dos que 3,9 discorren polo Concello de Vilaboa e os 800 metros restantes polo de Pontevedra— para mellorar o estado da canle, tanto as condicións hidráulicas como as ambientais, favorecer a circulación da auga, corrixir problemas de erosión e eliminar especies exóticas invasoras.
Máis polo miúdo, o conselleiro explicou que xa concluíu unha primeira fase na que se retiraron árbores caídas e outros obstáculos que dificultaban a circulación da auga, o que “reduce o risco de desbordamentos” en caso de precipitacións intensas.
Na actualidade estase a acometer unha segunda fase que consiste na execución de obras de bioenxeñería. En concreto, estanse a construír os chamados muros krainer, que son estruturas similares a entramados de madeira que se utilizan para estabilizar as marxes dos ríos, conter noiros e frear a erosión provocada pola forza da auga.
O conselleiro sinalou que esta actuación non consiste só en limpar o río, senón que o recupera, mellora a súa capacidade hidráulica e reforza a conservación do ecosistema fluvial.
O mantemento dos ríos é fundamental tanto para evitar desbordamentos en caso de intensas precipitacións como para garantir a correcta circulación da auga en épocas de escaseza como a que estamos vivindo.
Nese senso, fixo un chamamento ao uso racional e ao consumo responsable da auga como unha práctica habitual e necesaria para garantir a sostibilidade dos recursos hídricos. De feito, Vázquez Iglesias apuntou que a activación da seca prolongada é unha medida que permite aos concellos contar con máis marxe de manobra para actuar sobre as súas reservas. Isto contribúe a reforzar a conservación dos recursos hídricos actuais e a facer un mellor aproveitamento das choivas previstas para estes días.