CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Carral avalían medidas para a mellora do saneamento na localidade

Na xuntanza abordáronse os proxectos municipais para mellorar este servizo nas parroquias de San Vicente e Cañás

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, avaliaron hoxe nunha reunión celebrada esta mañá en Santiago de Compostela as posibilidades de acometer medidas para mellorar rede de saneamento do municipio.

Así, o alcalde informou á conselleira dos proxectos que estuda o Concello para mellorar este servizo nas parroquias de San Vicente e Cañás. O obxectivo é que ambas redes, unha vez renovadas, conduzan as augas residuais cara á estación depuradora de San Vicente que conta xa coa capacidade necesaria.

Ángeles Vázquez asegurou que o persoal técnico de Augas de Galicia estudará os proxectos presentados polo concello para determinar a súa viabilidade técnica e as posibles vías de colaboración para o seu financiamento.

Cómpre lembrar que aínda que as competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas son municipais, a Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático presta o seu apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que poidan exercelas do xeito máis eficiente e presten uns servizos de calidade á súa veciñanza.