CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta pon en valor o seu sistema de alerta temperá nos ríos de Galicia-Costa como referente na xestión autonómica ante o risco de inundacións

Roi Fernández salienta a importancia da prevención para protexer os recursos hídricos da conca autonómica, cunha superficie de case 13.000 km2 e 2 millóns de habitantes

Destaca que grazas ao modelo Merlin, o organismo hidráulico conta cunha ferramenta de alta precisión que integra modelos meteorolóxicos, hidrolóxicos e hidráulicos para ofrecer predicións máis exactas e en tempo real no conxunto da demarcación

Entre as próximas melloras previstas no sistema de predición hidrolóxica autonómico destaca a instalación de radares de velocidade da auga en tres estacións piloto e un aumento dos puntos de predición tanto nas concas como nas zonas inundables

Madrid, 1 de outubro de 2026

A Xunta pon en valor o sistema punteiro de alerta temperá que utiliza desde hai anos na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa como un referente a nivel nacional á hora de abordar a xestión autonómica e as posibles respostas ante eventuais inundacións e outros episodios extremos.

Así o destacou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a súa intervención nunha mesa redonda sobre A xestión da auga no norte e no centro de España no marco da Spain Smart Water Summit 2026, evento que reúne en Madrid a unha ampla representación do sector da auga nacional e que este ano cumpre a súa décima edición.

Neste sentido, salientou a importancia da prevención para protexer os recursos hídricos da conca Galicia-Costa, cunha superficie de case 13.000 km2 e 2 millóns de habitantes, e explicou que unhas das pezas clave do sistema de alerta hidrolóxica da Xunta é Merlin.

Trátase dun modelo de alerta temperá punteiro e de alta precisión que integra nunha única ferramenta modelos meteorolóxicos, hidrolóxicos e hidráulicos, ofrecendo deste xeito predicións máis exactas e en tempo real nos ríos da demarcación, que garantan unha xestión eficiente e a mitigación dos riscos asociados a este tipo de episodios.

Para avanzar na optimización deste sistema, que permite prever a tres días vista posibles desbordamentos na conca autonómica en base ás predicións de MeteoGalicia e da Aemet —entre outros datos— e establecer as correspondentes alertas, o organismo hidráulico investiu recentemente 631.879,24 euros co fin de ampliar o número de modelos, mellorar a calibración e validación das predicións, reforzar a capacidade de resposta en tempo real e aumentar a cobertura en zonas de risco potencial significativo de inundación.

A última evolución de Merlin, segundo explicou Roi Fernández, supuxo un auemento notable na complexidade dos cálculos e no volume de información a procesar. De feito, estas novas necesidades requiren de infraestruturas de supercomputación avanzada que están garantidas grazas ao apoio da Fundación Pública Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia en virtude dun convenio asinado este ano con Augas.

Así mesmo, para mellorar a preparación de Galicia-Costa ante episodios adversos, referiuse tamén a xestión e desenvolvemento da dixitalización e homoxenización dos datos das redes de seguimento do estado das masas de auga na demarcación hidrográfica

Boa resposta ante o último evento adverso

A modo de exemplo, explicou que o tren de borrascas que afectou a Galicia entre os meses de xaneiro e febreiro deste ano puxo a proba o sistema Merlin, que demostrou a súa capacidade de resposta nun escenario no que o caudal medio dos principais ríos da demarcación se incrementou nun 310% e durante o que se chegou a activar algún nivel de alerta por risco de avenidas nun total de 68 estacións de aforo.

Trátase dun sistema en constante mellora e desenvolvemento e, de feito, destacou algunhas das melloras que se prevén implementar proximamente. Entre elas, destaca a instalación de medidores de velocidade da auga por radar en tres estacións piloto para buscar máis precisión nos datos dos caudais de cara á anticipación de eventuais crecidas.

A maiores, o director do organismo hidráulico tamén explicou que se traballa na mellora do alcance do sistema para ampliar a súa capacidade actual de predición temperá e garantir unha maior presenza en toda a conca. En concreto, indicou que Merlin actualiza cada 12 horas os datos de 23 concas e a información de 14 áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsis) e que o obxectivo é chegar a 24 bacías e 51 Arpsis. Co mesmo fin, reforzaranse de forma notable os actuais puntos de predición, que pasarán dos 53 actuais a 100 no caso das concas fluviais e de 14 a 68 no das zonas inundables.

Por último, Fernández avanzou outras melloras tecnolóxicas tanto no visor como nos modelos que emprega o sistema para adecuar máis a comparativa entre as precipitacións, caudais e calados que se obteñen das predicións e os que se observan na realidade.

Así mesmo, para mellorar a preparación de Galicia-Costa ante episodios adversos, referiuse tamén aos 354.000 euros investidos na dixitalización e homoxenización dos datos das redes de seguimento do estado das masas de auga na demarcación; os 385.000 € para a mellora da rede de piezometría; os 177.000 € para optimizar a monitorización e xestión do plan de emerxencia dos encoros desta cunca; e os 2,36 M€ destinados a implantar unha rede básica de control da calidade das augas en continuo.