CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta colaborará cos concellos de Ferrolterra para mellorar o abastecemento na zona

Logo de que os municipios lle trasladaran que o arranxo da tubaxe das Pías é unha cuestión prioritaria, Roi Fernández compromete a participación do organismo hidráulico neste proxecto e ofrece apoio tamén para planificar solucións alternativas unha vez completen a auditoría das súas redes

Ferrol, 28 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia colaborará cos concellos da Mancomunidade de Ferrolterra na mellora do sistema de abastecemento que dá servizo a esta comarca. Así o comprometeu esta mañá o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, nunha reunión convocada polo Concello de Ferrol e á que asistiron tamén rexedores e representantes locais de Narón, Fene, Ares, Mugardos e Neda, municipio que na situación actual de escaseza leva meses captando auga desde o encoro das Forcadas.

Cómpre lembrar que os concellos de Ferrolterra forman parte dun dos sistemas declarados pola Oficina Técnica da Seca en situación de prealerta desde o pasado 10 de setembro. Neste contexto, a finalidade principal da xuntanza foi abordar a situación dos municipios que se abastecen desde As Forcadas e as posibles accións a adoptar para reforzar as garantías do subministro.

Neste sentido, os representantes municipais solicitaron a colaboración de Aguas de Galicia para abordar cuestións relacionadas coa eficacia das redes, as perdas e fugas e os mecanismos para mellorar a xestión.

En concreto, coincidiron en sinalar que un dos problemas prioritarios neste sentido é o arranxo da tubaxe das Pías, que conduce e canaliza a auga desde As Forcadas, unha actuación que queren acometer co apoio da Xunta e para a que buscarán tamén a implicación da Deputación. Ao respecto, Roi Fernández comprometeu a participación de Aguas de Galicia na execución desta intervención de mellora, que os concellos da zona deberán plasmar antes nun proxecto de obra.

Así mesmo, trasladaron a intención da Mancomunidade de facer unha auditoría completa e un estudo xeral do estado das súas redes así como das melloras necesarias nas diferentes captacións. Neste sentido, o director do organismo hidráulico indicou que unha vez dispoñan desa diagnose, Augas de Galicia colaborará tamén de maneira activa na planificación de alternativas.