CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta iniciará esta fin de semana a retirada paulatina das barreiras filtrantes instaladas para o control do vertido de puríns en Tordoia

Esa retirada realizarase de forma progresiva e condicionada en todo momento aos resultados das analíticas que se continúan realizando

A evolución favorable que reflicten os últimos datos analíticos dispoñibles é coherente coa eficacia do conxunto de medidas de retención, retirada e redución da carga contaminante coordinadas por Augas de Galicia

Os niveis de concentración actuais no primeiro tramo afectado do Tambre están por debaixo dos valores límite para ser apta para o seu tratamento potabilizador e diminúen aínda máis río abaixo, cara á captación de Santiago

En paralelo, Augas de Galicia lembra que corresponde ao Concello de Santiago e á entidade concesionaria garantir que a estación de tratamento de auga potable (ETAP), as reservas e as medidas de continxencia sexan suficientes para responder ás variacións de calidade da auga bruta e garantir a seguridade do abastecemento

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2026

A Xunta de Galicia iniciará esta fin de semana a retirada paulatina das barreiras filtrantes instaladas nos ríos Bustelo e Lengüelle para controlar o vertido de puríns producido a semana pasada en Tordoia logo de comprobar a evolución deste episodio e a diminución dos valores analíticos conforme avanza cara á captación de Santiago.

Esa retirada realizarase de forma progresiva e condicionada en todo momento aos resultados das analíticas que se continúan realizando. De feito, manterase a vixilancia e a capacidade de resposta necesaria ante calquera cambio na evolución do episodio.

A evolución favorable que reflicten os últimos datos dispoñibles é coherente coa eficacia do conxunto de medidas de retención, retirada e redución da carga contaminante coordinadas por Augas de Galicia e que, xunto co proceso natural do propio río, permitiron diminuír xa de forma moi significativa as concentracións de amonio nas masas afectadas.

En concreto, no tramo final do río Lengüelle obsérvase unha redución significativa das concentracións, mentres que no caso do Tambre os valores diminúen progresivamente segundo vai avanzando a afección pola canle fluvial. Máis polo miúdo, os niveis de concentración actuais detectados no primeiro tramo afectado do Tambre xa están por debaixo dos limiares de refencia para ser apta para o seu tratamento potabilizador, e río abaixo, cara á captación de Santiago, os valores son aínda inferiores.

Garantías de abastecemento

Augas de Galicia continuará adoptando todas as medidas técnica e ambientalmente viables para reducir ao máximo a contaminación no medio e facilitando a información dispoñible. Non obstante, corresponde ao Concello de Santiago e á entidade concesionaria garantir que a estación de tratamento de auga potable (ETAP), as reservas e as medidas de continxencia sexan suficientes para responder ás variacións de calidade da auga bruta e garantir a seguridade do abastecemento.

Neste sentido, a información que trasladou recentemente o Concello confirma que os valores que a entidade concesionaria consideraba limitantes da capacidade de tratamento da ETAP son en realidade un nivel interno cuxa superación non determina a interrupción da captación, senón a continuidade do tratamento baixo condicións controladas.

Augas de Galicia considera esencial esta distinción xa que, como indica, non resulta adecuado trasladar á auga do río os valores esixibles á auga unha vez potabilizada. A función dunha ETAP, indica, é transformar unha auga bruta de calidade variable en auga apta para o consumo, polo que non se pode exixir que a auga do río Tambre chegue á captación cumprindo xa os valores paramétricos requiridos para a auga tratada.

Así, o organismo hidráulico autonómico remarca que, se a entidade concesionaria considera que a ETAP presenta dificultades para tratar concentracións aínda por debaixo dos niveles mínimos, resulta necesario que se identifique a limitación técnica concreta que o determina.