Tras recibir o aviso da rotura dunha balsa de xurros a pasada noite a través do 112, Augas de Galicia enviou ao persoal do Programa de control de vertidos para inspeccionar a zona e facer un seguimento que continúa hoxe coa toma de mostras e a realización de analíticas para detectar posibles afeccións
De acordo cos traballos de inspección realizados na mañá de hoxe, a afección aínda non alcanzou o río Tambre e a distancia estimada entre o punto máis avanzado onde se detectou a presenza de puríns e a captación de abastecemento de Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros
Segundo a información facilitada polos titulares da explotación, a balsa xa non verte e estase procedendo ao seu baleirado completo por parte dun xestor autorizado co obxecto de evitar novos riscos de filtracións ou derrubamentos
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026
A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a mobilizar medios humanos e recursos do programa de mantemento fluvial, entre eles barreiras anticontaminación, para reforzar os labores de contención e minimizar o risco de novos episodios de vertido a raíz da rotura dunha balsa de xurros nunha explotación gandeira no concello de Tordoia.
O incidente, comunicado polo propietario a través do 112 este luns 14 de setembro, provocou que unha parte importante do material almacenado se filtrara polas fincas contiguas á granxa e alcanzando o río Bustelo, á altura de Santaia. Ante esta situación, as medidas inicialmente adoptadas no punto de orixe – incluíndo a formación de diques de terra e a habilitación dunha balsa temporal de retención– permitiron conter parte do material e evitar que seguira saíndo.
Augas de Galicia enviou de inmediato a persoal do Programa de control de vertidos para inspeccionar a zona e facer un seguimento sobre o terreo da evolución da situación. Os técnicos do organismo hidráulico comprobaron hoxe que o vertido se estendera xa aos ríos Paradela e Lengüelle, motivo polo que se tomou a decisión de mobilizar medios e recursos autonómicos adicionais nas canles afectadas para evitar o avance do vertido.
Nestes momentos, a afección detectada localízase nun tramo duns 3 quilómetros augas abaixo do punto de vertido, con incidencia constatada nos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle. Os equipos despregados continúan a executar actuacións de seguimento, contención e retirada do material contaminante, contando ademais coa colaboración de Veolia (empresa encargada da xestión da estación de tratamento de auga potable de Santiago), que está a poñer medios complementarios para reforzar o control da situación.
De acordo cos traballos de inspección realizados na mañá de hoxe, a afección aínda non alcanzou o río Tambre. Así mesmo, a distancia estimada entre o punto máis avanzado onde se detectou a presenza de puríns e a captación de abastecemento de Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros.
Ao longo da tarde de hoxe, en todo caso, completaranse as tomas de mostras e as análises dos distintos puntos de control establecidos nas canles afectadas, cuxos resultados permitirán avaliar con maior precisión a evolución da afección e determinar se o material contaminante xa mobilizado pode supoñer algún risco para a captación de abastecemento.
Neste momento, debido ao escaso caudal circulante nos ríos e ás baixas velocidades de transporte asociadas, resulta prudente agardar aos resultados analíticos antes de emitir unha valoración definitiva. Desde Augas de Galicia continuarase realizando un seguimento permanente da incidencia.
Por último, con relación á situación actual da balsa que provocou o incidente, cómpre sinalar que desde esta mañá xa non verte. Segundo a información facilitada polos titulares da explotación, estase procedendo ao seu baleirado completo mediante a retirada dos xurros restantes (aproximadamente a metade dos 1,3 millóns de litros que almacenaba) por parte dun xestor autorizado, co obxecto de evitar novos riscos de filtracións ou derrubamentos.