CMATI

|
|
|
Compartir

Rueda destaca que a nova ETAP de Padrón supón un paso decisivo para blindar o subministro de auga á veciñanza de nove concellos do entorno do río Ulla

A Xunta achegou 10,5 M€ para aumentar a capacidade de tratamento da planta nun 40% e atender a 90.000 habitantes no horizonte 2044

Pon esta actuación como exemplo de que as infraestruturas hidráulicas teñen que pensarse con visión supramunicipal

Padrón (A Coruña), 15 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a ampliación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Padrón supón un paso decisivo para blindar o subministro de auga potable de calidade á cidadanía da contorna. Así, estas instalacións prestan servizo a preto de 90.000 veciños de nove concellos do entorno do río Ulla e da marxe dereita da ría de Arousa, cun horizonte de garantía fixado no ano 2044.

“Abrir a billa parece algo moi sinxelo, pero cando non sae auga empeza a alarma, e se a que sae non a podes beber é a segunda alarma; polo tanto, temos que procurar que a haxa e que sexa de calidade”, asegurou.

Durante a visita ás instalacións remodeladas, na que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o titular do Executivo autonómico puxo en valor o esforzo conxunto que fixo posible esta actuación, na que a Xunta investiu 10,5 millóns de euros para modernizar e dimensionar unha infraestrutura hidráulica clave que levaba 30 anos en funcionamento.

Así, o responsable do Executivo autonómico subliñou que se se quere ofrecer auga de calidade á cidadanía, “hai que unirse”, apostando por “estas alianzas onde os concellos confiades en Augas de Galicia para que isto sexa unha realidade, creo que é o camiño do futuro”.

Con esta actuación, a planta pasa de tratar 450 a 630 litros por segundo, o que supón un incremento do 40% na súa capacidade. Así, os traballos permiten dar resposta ás necesidades de abastecemento de Padrón, Pontecesures, Dodro, Valga, Catoira, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, ademais de deixar preparada a rede para prestar apoio a Vilagarcía de Arousa no caso de que fose necesario.

Protección ambiental

Esta intervención inclúe un salto cualitativo na protección ambiental do río Ulla e da propia ría de Arousa, coa incorporación dunha nova liña de tratamento de lodos —que ata agora non existía— e a implantación dun sistema de recuperación e reutilización da auga de lavado dos filtros.

Alfonso Rueda, que convidou a reflexionar sobre o uso eficiente da auga, puxo esta actuación como exemplo de que as infraestruturas hidráulicas teñen que pensarse con visión supramunicipal e, malia ser o abastecemento de auga unha competencia municipal, volveu amosar o compromiso do Executivo galego para colaborar cos concellos neste obxectivo común. “Somos perfectamente conscientes de que a Xunta ten que implicarse, porque se non é imposible prestar un servizo coa calidade coa que debe facerse”, indicou.

Neste sentido, a actuación encádrase no espírito do Plan Estratéxico de Recursos Hídricos de Galicia (PEREGA), cuxa finalidade é optimizar e conectar os sistemas hidráulicos xa existentes, reducir perdas na rede e garantir a eficiencia no consumo antes de buscar novas captacións de auga.