Ángeles Vázquez recoñece a importancia dos enxeñeiros de camiños, canais e portos para avanzar na investigación e posta en marcha de proxectos relacionados con ámbitos da súa competencia, especialmente na xestión da auga e na mitigación do cambio climático
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026
A Xunta de Galicia estudará novas vías de colaboración coa Escola Técnica Superior (ETS) da Universidade da Coruña co obxectivo compartido de dar a coñecer entre a cidadanía a relevancia e o papel que xogan os enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos para poder avanzar en diferentes eidos relacionados coa protección medioambiental e a sostibilidade dos procesos produtivos.
Así o comprometeu hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a reunión que mantivo co director da ETS, Luis Ramírez, e o coordinador de Divulgación do centro, Diego Carro, e na que expuxeron a evolución da escola ao longo da súa historia así como as principais liñas de actuación nas que traballan actualmente.
Neste sentido, coincidiron na necesidade de divulgar, especialmente entre a mocidade, as aplicacións prácticas que teñen as diferentes disciplinas impartidas na ETS en materia ambiental, un eido no que acordaron explorar posibles iniciativas ou proxectos de interese para o departamento autonómico no que poidan colaborar con este fin.
Ao respecto, Ángeles Vázquez recoñeceu a importancia dos profesionais que traballan ou se forman actualmente no eido da enxeñaría civil para avanzar na investigación e posta en marcha de proxectos en ámbitos da súa competencia, recordando que o seu departamento conta con iniciativas divulgativas como a Escola da Auga, o programa en centros educativos en materia de inundacións ou Mocidade polo clima nos que poñer en valor o traballo de distintos profesionais e colectivos no coidado do medio ambiente.
A modo de exemplo, a conselleira e o equipo directivo da ETS coincidiron no potencial dos futuros enxeñeiros para avanzar na xestión da auga e en sistemas de saneamento sostibles, así como na mitigación dos efectos do cambio climático, con iniciativas de descarbonización ou de protección da saúde ambiental ante episodios extremos.