CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta analiza co Concello de Bóveda a creación dun refuxio climático nunha carballeira da localidade

En canto aos servizos de augas, Ángeles Vázquez e José Manuel Arias avaliaron as principais necesidades municipais para mellorar o servizo de abastecemento

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, analizaron hoxe o proxecto municipal para acondicionar unha carballeira da localidade co obxectivo de convertela nunha área de lecer para o desfrute da veciñanza.

Nese senso, a conselleira sinalou que a importancia de poñer en valor estes espazos naturais tanto para garantir a súa preservación, como para convertelos en refuxios climáticos para a poboación e a biodiversidade.

Así, Ángeles Vázquez animou o rexedor a solicitar as axudas que anualmente convoca a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para apoiar os concellos no impulso e execución de solucións baseadas na natureza que contribúan a afrontar os efectos da nova realidade climática.

En concreto, con estas axudas apóianse intervencións en espazos públicos orientadas ben a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas ou ben a atenuar o efecto illa de calor coa identificación de espazos cunha relativa estabilidade e condicións ambientais favorables que os converten en lugares idóneos para combater as altas temperaturas e ofrecer protección á poboación.

Polo tanto, segundo sinalou a conselleira, serían unha boa oportunidade para dotar esta localidade lucense dunha área na que a veciñanza, ademais de desfrutar do seu tempo de lecer, tamén se poida refuxiar en episodios de altas temperaturas.

A maiores, na reunión a conselleira e o rexedor, tamén analizaron a situación da rede de abastecemento municipal. Nese senso, ambos fixeron especial fincapé na necesidade de reducir as perdas de auga. De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor que Bóveda é un dos concellos que xa conta cunha auditoría que permite cuantificar as perdas de auga, avaliar o estado das infraestruturas e optimizar a eficiencia hidráulica.

Ao respecto, o alcalde indicou que o Concello xa elaborou un documento técnico, que xa está sendo estudado polo persoal técnico de Augas de Galicia, para mellorar a rede municipal e ofrecer un mellor servizo á veciñanza.