A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Mañón as actuacións acometidas no marco do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga
Este proxecto, impulsado polo Goberno galego a través de Augas de Galicia beneficiou a 38 municipios de menos de 20.000 habitantes cun investimento de de preto de 5 millóns de euros
Mañón (A Coruña), 29 de xuño de 2026.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Mañón as actuacións acometidas no marco do Plan de dixitalización da xestión do ciclo integral da auga, un proxecto impulsado polo Goberno galego a través de Augas de Galicia do que se beneficiaron 38 municipios de menos de 20.000 habitantes logo dun investimento de preto de 5 millóns de euros.
Aneiros destacou que a dixitalización permite unha vixilancia continua da rede de abastecemento -as 24 horas do día os 365 días do ano-, controlando en tempo real a calidade da auga, o consumo enerxético e o funcionamento dos equipos. “Fronte aos sistemas manuais, a monitorización dixital permítenos anticipar moito mellor as incidencias, optimizar recursos, reducir perdas na rede e mellorar a xestión”, explicou a delegada, que tamén fixo fincapé en que estas actuacións levan a un servizo máis sostible e eficiente, preparando ademais os sistemas municipais para afrontar retos como o cambio climático ou episodios de seca.
Máis polo miúdo, un rexistro histórico de datos facilita crear modelos preditivos que axuden á toma de decisións máis acertadas sobre a xestión do recurso. Así mesmo, poderán preverse situacións de risco como picos de demanda estival ou períodos de seca, o que permitirá activar medidas preventivas con antelación.
A través deste plan de dixitalización, a Xunta colabora cos concellos na adopción de ferramentas que permiten a xestión e operación en remoto e en tempo real dos sistemas de abastecemento da súa titularidade. Ao mesmo tempo, Augas de Galicia conta cun sistema de información que lle permite recompilar, visualizar e compartir datos relativos ao funcionamento dos sistemas monitorizados, como medio de supervisión e control do uso da auga.
Martina Aneiros destacou que foron catro os concellos beneficiarios deste plan na área da Delegación: Ares, Moeche, San Sadurniño e o propio Mañón, recibindo en total máis de 309.200 euros. No caso deste último concello, a cantidade recibida foi de máis de 138.500 euros, que serviron para sufragar a implantación de sete estacións de medición e rexistro en distintos puntos do municipio.
A representante autonómica lembrou que aínda que a maior parte dos sistemas de abastecemento están formados por infraestruturas de titularidade municipal e son os concellos os responsables da súa xestión e conservación, a Xunta colabora coas entidades locais para mellorar a calidade do servizo a través tanto da execución de obras como da prestación de apoio técnico e/ou económico.