CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Poio destinarán 4 M€ a construír un novo bombeo e un segundo tanque de tormentas no municipio para seguir mellorando o saneamento na ría de Pontevedra

Ángeles Vázquez salienta que esta actuación beneficiará a unha poboación estimada de 8.246 persoas e permitirá resolver as limitacións actuais do sistema de depuración municipal, caracterizado pola entrada de auga do mar e infiltracións na rede e os alivios en época de chuvias, factores que provocan un exceso de caudal

Explica que a obra principal será o depósito de retención ou tanque de tormentas que se construirá soterrado no lugar de Recheo, cunha capacidade duns 618 m3/h

Esta actuación enmárcase na segunda fase de execución do Plan de saneamento local da ría, a través do cal Augas de Galicia está a mobilizar 56 M€ en investimentos

Poio (Pontevedra), 19 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia e o Concello de Poio investirán 4 millóns de euros na construción dun novo bombeo e dun depósito de retención (tamén chamado tanque de tormentas) no lugar de Recheo, unha obra estratéxica para seguir mellorando o sistema de saneamento na ría de Pontevedra e, particularmente, neste municipio.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron esta mañá o convenio no que se fixan os termos da colaboración entre Augas de Galicia —que aporta o 80% dos fondos— e o Concello —que achega o 20% restante— para a execución desta actuación, cofinanciada co apoio da Unión Europea a través do programa FEDER 2021-2027.

Tras indicar que a actuación comprometida beneficiará no horizonte temporal do ano 2047 a unha poboación estimada de 8.246 habitantes, a responsable autonómica explicou que os estudos realizados sobre o sistema de saneamento municipal de Poio permitiron detectar unha serie de limitacións, como a entrada de auga do mar e infiltracións na rede e os alivios en época de chuvias, factores que provocan un exceso de caudal e que se suman á falta de depósitos de retención.

Como solución, acometeranse as obras comprometidas a través do convenio asinado hoxe, que teñen como elemento principal o tanque de tormentas que se construirá soterrado en Recheo. Cunha capacidade útil de aproximadamente 618 m3/hora, esta nova infraestrutura hidráulica permitirá almacenar de forma temporal os excesos de caudal xerados durante episodios de chuvia intensa, reducindo os risco de sobrecarga e minimizando en consecuencia os vertidos ao medio.

A maiores, a conselleira explicou que as obras proxectadas tamén prevén a construción dun novo pozo de bombeo na Barca destinado a recoller e impulsar os caudais procedentes da rede e das zonas rurais próximas cara ao novo sistema de depuración.

Por último, engadiu que para completar o proxecto se executará unha nova condución de impulsión de 1,25 quilómetros entre o tanque de tormentas e a rede xeral de saneamento de Poio, mellorando a capacidade de transporte e a eficiencia hidráulica do sistema, así como aliviadoiros de seguridade e outros elementos auxiliares de control e explotación que contribuirán a garantir o correcto funcionamento da rede en situacións de caudal extraordinario e a reforzar a protección ambiental da contorna.

Más de 56 M€ mobilizados na ría

Estas actuacións enmárcanse no Plan de saneamento local da ría de Pontevedra, unha estratexia impulsada para reforzar a eficiencia da rede, reducir as sobrecargas do sistema durante episodios de choiva intensa e avanzar na protección ambiental da zona.

Nestes momentos, a Xunta está a mobilizar investimentos por importe duns 56 millóns de euros na ría de Pontevedra para mellorar o sistema de saneamento e depuración dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, que presta servizo a máis de 242.000 habitantes.

Nunha primeira fase investíronse 34,8 millóns en modernizar a EDAR de Praceres, construír un novo emisario submarino e executar outras actuacións complementarias para mellorar a capacidade de depuración. No marco da fase actual, Augas de Galicia ten previsto destinar outros 21,3 millóns de euros a executar novas actuacións, entre as que destacan, sobre todo, as previstas no concello de Poio, que suman case un 40% do investimento total previsto para esta segunda fase (preto de 8 millóns de euros).

Así, a conselleira lembrou que xa está en execución o tanque de tormentas da Seca e o bombeo de Porto Campelo, adxudicado por 3,8 millóns de euros, e que grazas ao novo acordo asinado esta mañá poderá traballarse na licitación, por 4 millóns, dun segundo tanque de tormentas no lugar de Recheo e nun novo bombeo no municipio.

Ambas intervencións, tal e como recalcou, permitirán ao concello de Poio reforzar a capacidade da súa rede de saneamento, mellorar a xestión das augas cando se produzan episodios de chuvia intensa e contribuír á redución dos alivios á ría.