CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta destina 210.000 euros á mellora da praia fluvial do río Furelos, en Melide

Ángeles Vázquez explica que esta acción dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores xa que permitirá recuperar a dinámica fluvial no río e evitará a persistencia de sedimentos e lodos acumulados na zona de baño durante o verán

Concluída a primeira fase, os traballos paralízanse para non interferir coas actividades que se desenvolven neses espazo durante a época estival

Melide (A Coruña), 20 de xuño de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o investimento de 210.000 euros que a Xunta está destinando á mellora da conectividade fluvial do río Furelos, no Concello de Melide, co obxectivo de reducir a acumulación de lamas e sedimentos na contorna da praia e recuperar a funcionalidade ambiental e recreativa deste espazo.

Segundo dixo Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá as actuacións xa acometidas, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá resposta a unha demanda da veciñanza e dos pescadores xa que con estas obras permitirán tanto recuperar a dinámica fluvial no río como evitar a persistencia de sedimentos e lodos acumulados na zona de baño durante os meses de verán.

De feito, a primeira fase desta actuación, que vén de concluír, consistiu na retirada de lodos na bacía do río ao seu paso pola praia fluvial. Agora paralizaranse os traballos para non interferir coas actividades que se desenvolven neste espazo durante a época estival e a previsión é que se retomen a finais do mes de setembro.

Así, as obras, que contan con financiamento europeo a través dos Fondos Feder, continuarán despois do verán co obxectivo  de que estean rematadas en novembro. Nesta segunda fase, executaranse, entre outras, a instalación dunha comporta abatible de aceiro inoxidable, que permitirá a conectividade do río e posibilitará o uso recreativo en época estival, habilitando o encoro para zona de baño. Esta comporta estará aberta a maior parte do ano hidrolóxico.

Tamén se construirá unha escala de peixes para cando estea pechada a comporta co fin de dotar de continuidade fluvial ao río. Estas estruturas están deseñadas para permitir que os peixes sorteen obstáculos artificiais nos ríos e teñen un papel fundamental na recuperación das poboacións piscícolas.

Para concluír, a conselleira indicou que esta intervención integral acometida pola Xunta permitirá poñer en valor unha zona cun importante valor natural a través da mellora das infraestruturas hidráulicas e das instalacións da praia fluvial.