Ángeles Vázquez explica que o persoal de Augas de Galicia avaliará os proxectos técnicos que presente o Executivo local para estudar tanto a mellor fórmula para executar os traballos como para financialos
Traslada ao alcalde que proximamente se entregará a obra en execución do abastecemento integral ao núcleo de Arbo, que, cun investimento de 2,4 millóns de euros, dá resposta ás necesidades de 1.500 habitantes
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, avaliaron hoxe varias iniciativas municipais para a mellora do servizo de saneamento na localidade.
En concreto, o rexedor informou á conselleira do interese do Concello por dotar de sistemas de depuración autónomos aos núcleos de Urzal e As Searas. Polas súa banda, Ángeles Vázquez explicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará os proxectos técnicos que presente o Executivo local para estudar tanto a mellor fórmula para executar os traballos como para financialos.
Nesa liña, a conselleira indicou que entre as posibilidades de solución a esta cuestión están as achegas que convoca anualmente o organismo de conca autonómico para a instalación de sistemas de depuración autónomos, con axudas de ata 20.000 euros para dar servizo a núcleos de poboación de entre 8 e 15 vivendas.
A maiores, no encontro a conselleira e o alcalde tamén analizaron un proxecto municipal relacionado co saneamento na Valouta. Neste caso, o Concello remitirá un proxecto para que poida ser avaliado polo persoal de Augas de Galicia.
Ademais, Ángeles Vázquez trasladou ao alcalde que proximamente se entregará a obra en execución do abastecemento integral ao núcleo de Arbo, que, cun investimento de 2,4 millóns de euros, dá resposta ás necesidades de 1.500 habitantes.
Nese senso, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento dun xeito máis eficiente.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.