CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta instala 18 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos da contorna do río Gallo, en Cuntis

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 18 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación na contorna do río Gallo, no concello de Cuntis, co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a estes episodios así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan.

En concreto, colocáronse 18 carteis de distintos tipos (8 reducidos, 6 xerais a 2 caras, 2 xerais a 1 cara e 2 infantís) na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do Río Gallo.

Segundo se recolle no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona de risco pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade e risco desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.

Deste xeito, cómpre lembrar que Augas de Galicia colocou xa este tipo de indicadores en 29 concellos con áreas con alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Bueu, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela e Cuntis.

Cando se trata de zonas amplas a sinalizar, coma neste caso, o organismo hidráulico adoita combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis, como os paneis xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.

O organismo autonómico reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.

No caso concreto das actuacións de sinalización en Cuntis, os traballos para instalar estes carteis na contorna do río Gallo —cun custo de preto de 7.000 euros— enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento global de preto de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi desenvólvense tamén obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.