CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realiza labores de conservación fluvial na contorna do encoro da Baxe nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña

As tarefas que está a executar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas e roza de biomasa e vexetación en camiños do perímetro do encoro

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial na contorna do encoro da Baxe nos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Moraña.

As tarefas desenvólvense concretamente nas parroquias de Santo André de César, en Caldas de Reis; Santa María de Troáns, en Cuntis; San Martiño de Laxe e San Salvador de Saiáns (ambas en Moraña). Os traballos consistirán na retirada de árbores caídas e na roza tanto das faixas de protección como da vexetación dos camiños dentro da contorna do encoro.

En total, actuarase sobre 8,8 quilómetros de camiños de titularidade de Augas de Galicia, e en preto de 8,8 hectáreas de superficie arborada no caso das faixas de biomasa.

A previsión é que os traballos se alonguen durante algo máis dun mes por parte do persoal ao servizo de Augas de Galicia, que aplicará na súa execución ferramentas manuais, motoserras, podadoras e rozadoiras ademais de contar co apoio de maquinaria de maiores dimensións, como un tractor, un camión e unha carretilla de carga.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, a contorna do río Umia quedará despexada de maleza, dando cumprimento á normativa de xestión de biomasa, ademais de eliminar a posible competencia de especies invasoras nas zonas con presencia de arborado autóctono.

Cómpre lembrar que as actuacións actualmente en marcha nesta zona dan continuidade ás executadas tamén nos últimos exercicios ao abeiro do programa autonómico de conservación do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, un esforzo que a Xunta vai reforzar nos vindeiros anos.

O fin último deste tipo de traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.