Ángeles Vázquez indicoulle ao rexedor que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto de cara a determinar a viabilidade da iniciativa e establecer posibles vías de colaboración técnica e financeira
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, avaliaron esta mañá nunha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela vías de colaboración para a mellora do servizo de abastecemento nas parroquias de Doroña e Grandal.
Nesa liña, o alcalde explicoulle á conselleira que na actualidade nesas contornas a veciñanza abastécese a través de pozos particulares e de traídas de auga veciñais con depósitos de escasa capacidade. Pola súa banda, Ángeles Vázquez indicoulle ao rexedor que o persoal de Augas de Galicia estudará o proxecto de cara a determinar a viabilidade da iniciativa e establecer posibles vías de colaboración técnica e financeira.
En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático asumiría unha parte do financiamento preciso polo que o Concello debería aportar o restante. Nese senso, o alcalde indicou que, ademais de achegar fondos propios, solicitará a colaboración doutras administracións, como a Deputación da Coruña.
Ángeles Vázquez puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
De feito, Augas de Galicia ten programadas para este ano oito ordes de axudas cun orzamento global asignado de 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% con respecto ao paquete de subvencións do ano pasado. Están dirixidas maioritariamente ás entidades locais, pero tamén a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e entidades sen ánimo de lucro para apoialas na promoción de obras ou actuacións relacionadas coa xestión destes servizos.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.