CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e a USC reforzarán a Rede de control de drogas nas augas residuais tras identificar a cocaína como a substancia máis consumida en todas as áreas

Gómez Caamaño sinala que a finalidade desta colaboración é ter información sobre os patróns de consumo de substancias psicoactivas para adaptar as políticas preventivas de saúde pública

Ángeles Vázquez pon en valor o papel das estacións depuradoras de augas residuais como laboratorios para obter información que permita actuar con maior rapidez e eficacia ante situacións de risco para a saúde pública

Os resultados obtidos sitúan Galicia por baixo dos valores medios doutras comunidades europeas en consumo de MDMA, cánnabis e ketamina se ben, no caso da cocaína, acádanse valores próximos á media nacional en certas áreas

As análises tamén revelan un baixo consumo de anfetaminas e, probablemente atribuíble só a prescrición médica, concentracións máis reducidas de fentanilo

Apréciase un consumo de alcol moi marcado nas fins de semana

O conselleiro de Sanidade incide en que os resultados serven para establecer patróns de consumo e reforzar as medidas de prevención

Santiago de Compostela, 10 de abril de 2026

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela reforzarán a Rede de control de drogas nas augas residuais, logo de identificar a cocaína como a substancia máis consumida en todas as áreas urbanas.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañados de José Benito Quintana, investigador da Área Química Analítica da USC, informaron en rolda de prensa dos resultados do estudo de presenza de substancias psicoactivas en augas residuais.

Tal e como detallou o titular da carteira sanitaria, a Xunta e a USC renovarán a súa colaboración para consolidar esta rede sentinela destinada a vixiar o consumo de drogas a partir das depuradoras. O obxectivo é manter os mesmos puntos de medición para poder comparar os datos do pasado ano cos do actual, así como detectar novas substancias.

A finalidade -proseguiu Gómez Caamaño- é ter información sobre os patróns de consumo de substancias psicoactivas a partir das augas residuais de 15 concellos que suman unha poboación de 510.000 persoas, co fin de dispoñer de máis datos para adaptar as políticas preventivas de saúde pública.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo en valor o papel das estacións depuradoras de augas residuais como “laboratorios” para obter información que permita actuar “con maior rapidez e eficacia” ante situacións de risco para a saúde pública.

Tal e como lembrou Ángeles Vázquez, as edares foron unha ferramenta fundamental durante a pandemia da covid para detectar de forma temperá a presenza do virus na poboación, anticipar brotes e orientar as decisións sanitarias. E agora volven demostrar a súa utilidade para coñecer a trazabilidade dos hábitos de consumo e, en particular, das substancias psicoactivas. Deste xeito, desde a prevención poderanse adoptar medidas para reducir o consumo e evitar as súas consecuencias sociais e sanitarias.

Nese senso, a conselleira incidiu en que as depuradoras, ademais de infraestruturas ambientais, son tamén instrumentos clave para a vixilancia e o coñecemento da realidade social, así como aliados fundamentais da saúde pública.

Galicia por baixo dos valores medios doutras CCAA

Gómez Caamaño explicou que os datos hoxe presentados son froito do acordo de colaboración asinado no mes de outubro entre as consellerías de Sanidade e a de Medio Ambiente e Cambio Climático coa USC, para medir a presenza de cocaína, cánnabis, fentanilo e outras drogas nas depuradoras de Santiago de Compostela, Ourense, Pontevedra, Lugo e Tui.

Estes resultados sitúan Galicia por baixo dos valores medios doutras comunidades europeas en consumo de MDMA, cánnabis e ketamina. No caso da cocaína, existen áreas urbanas que acadan valores próximos aos da media nacional.

Gómez Caamaño incidiu en que, de todas as substancias analizadas, a cocaína e o cánnabis foron as que rexistraron unha maior presenza, o que pon sobre aviso ao departamento sanitario galego e reforza a importancia de contar con este tipo de ferramentas.

No caso do MDMA, observáronse niveis moderados, con picos na fin de semana. As análises tamén revelaron un baixo consumo de anfetaminas e, posiblemente por estar cinguidas a consumo por prescrición médica, concentracións máis reducidas de fentanilo.

Tamén se apreciou un consumo de alcol moi marcado nas fins de semana. Ao respecto, as cifras dos sábados dobran as rexistradas nos días laborais.

Reforzo das medidas de prevención

Para o responsable de Sanidade, estes resultados serven para establecer patróns de consumo e reforzar as medidas de prevención, algo crucial para unha comunidade autónoma como a galega que fixo da loita contra as adiccións un asunto completamente prioritario.

Ao respecto, Gómez Caamaño lembrou que, desde o mes de marzo, está en vigor a Lei de protección da saúde das persoas menores e de prevención das condutas adictivas, coa que Galicia se sitúa á vangarda nesta materia. Indicou que a adicción á cocaína é o principal problema das persoas usuarias das unidades de atención á drogodependencia que recentemente se integraron no Servizo Galego de Saúde.

Tamén sinalou o conselleiro de Sanidade que, froito dese labor de prevención, a última enquisa nacional de drogas entre o alumnado de ensino secundario amosa que Galicia está nunha posición favorable, cunha tendencia sostida á baixa no consumo de alcol e drogas.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro deulle as grazas á Universidade de Santiago de Compostela polo seu traballo, ademais de ter palabras de recoñecemento á cooperación de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.