CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica por máis de 600.000 € a obra do novo ramal de saneamento en Santo Estevo de Budiño, en Salceda de Caselas, para atender a zona do Cerquido

A actuación ten un prazo de execución de seis meses e implica a construción de tres tramos de colectores dun total de preto de 1,13 quilómetros

Santiago de Compostela, 4 de abril 2026

A Xunta de Galicia adxudica por máis de 600.000 euros a obra do novo saneamento da parroquia de Santo Estevo de Budiño, no concello de Salceda de Caselas (Pontevedra), que servirá, principalmente, para mellorar o servizo de recollida de augas residuais aos veciños do núcleo de Cerquido e outras áreas do municipio.

A actuación, enmarcado no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Salceda de Caselas, suporá a construción de tres tramos de colectores e pozos de formigón de preto de 1,13 quilómetros en total. O obxectivo é recoller as augas residuais de preto dun cento de veciños dese núcleo da parroquia de Santo Estevo de Budiño.

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do organismo hidráulico, aportará o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante. Cómpre indicar que este proxecto será financiado ao abeiro do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader), no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Esta obra enmárcase no convenio de colaboración asinado a finais de maio de 2025 entre Xunta e Concello de Salceda de Caselas.

En concreto, a obra, que ten un prazo de execución de seis meses, divídese en tres treitos conectados en tres puntos separados da infraestrutura existente. O primeiro tramo, de máis de 818 metros, afecta á zona norte de saneamento do Cerquido; un segundo, de máis de 112 metros e que discorre baixo a antiga N-550, e un terceiro tramo, de case 196 m, ámbolos dous correspondentes á zona sur do parque empresarial de Salceda.

Colaboración coas administracións locais

Aínda que os servizos de saneamento son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten. Nesa liña, o Concello de Salceda de Caselas xa investiu con anterioridade máis de 1,6 millóns de euros na execución do saneamento en Santo Estevo de Budiño.

O obxectivo do Goberno galego é colaborar cos concellos para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.

Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.

Ademais, Augas de Galicia tamén colabora cos concellos tanto na realización dos labores de mantemento e reparación axeitados para protexer as infraestruturas existentes e conservalas nas condicións óptimas para a prestación dos servizos como na reposición das infraestruturas vinculadas á xestión do ciclo integral da auga cando esgoten a súa vida útil.