A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá as melloras levadas a cabo pola A.VV. “Ensanche A” con cargo á convocatoria de 2025
Ferrol, 27 de marzo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a asociación de veciños “Ensanche A”, beneficiaria das axudas do Plan específico de acción comunitaria do pasado ano. Este programa, que ten aberto o prazo de solicitude da convocatoria de 2026 ata o 20 de abril, está destinado ás asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais para a realización de obras nos locais sociais, adquisición de mobiliario e equipamento e reparación de captacións e traídas de auga, no caso das comunidades de usuarios de augas.
Durante a visita, a delegada puido comprobar o novo equipamento incorporado pola A.VV. grazas a unha achega autonómica de 5.000 euros recibida o pasado ano. Aneiros explicou que a convocatoria actual conta con 3 M€ de orzamento, cos que o Goberno galego pretende recoñecer o papel fundamental que estas entidades xogan na dinamización da vida social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños.
Lembrou que, como nos anteriores anos, a orde conta con dúas liñas de actuación: unha destinada a obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais das asociacións veciñais e de mulleres rurais e para obras nas traídas de augas comunitarias, dotada de 2,6 M€ e outra para a dotación de equipamento para o funcionamento das mesmas e a organización de actividades específicas que conta con outros 400.000 euros de orzamento.
A delegada lembrou que as contías económicas poden cubrir o 100% do investimento realizado ata un máximo de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos. Aproveitou tamén para animar ás asociacións a solicitar estas achegas que na pasada convocatoria deixaron máis de 146.000 € no ámbito da delegación.
As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta e as asociacións deberán estar inscritas no rexistro de entidades de Galicia ou no libro de rexistro de augas do correspondente organismo de conca como titulares de aproveitamento de augas no caso das comunidades de usuarios de augas.