Na reunión a conselleira e o alcalde tamén analizaron as iniciativas propostas para a posta en valor da aldea de Salgueiro
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou hoxe ao alcalde de Muíños, Plácido Álvarez Dobarro, das distintas liñas de axudas que o seu departamento pon este ano a disposición dos concellos relacionadas con actuacións de abastecemento e saneamento de auga.
Neste sentido, a responsable autonómica detallou que Augas de Galicia conta este ano con cinco liñas de apoios dirixidas aos municipios e entidades locais menores -con menos de 50.000 habitantes- cun orzamento global que rolda os 7 millóns de euros. As accións subvencionables son obras para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións nas redes de saneamento así como os proxectos para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados ou a realización de auditorías nos sistemas de abastecemento e saneamento de titularidade municipal.
En concreto, a conselleira e o rexedor avaliaron a posibilidade de que o Concello poida solicitar as axudas para reducir as infiltracións nas redes de saneamento para mellorar este servizo na zona de Tourós e Abelleira.
No eido do abastecemento, o alcalde tamén lle presentou á conselleira varios proxectos para mellorar o servizo no municipio. Nestes casos, Ángeles Vázquez explicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará os proxectos para determinar a súa viabilidade e, de ser o caso, establecer vías de colaboración técnica e financeira.
A maiores, no encontro tamén analizaron as iniciativas propostas para a posta en valor da aldea de Salgueiro. Nese senso, a conselleira lembrou que o Goberno galego pretende converter esta contorna na primeira aldea saudable do mundo e, de feito, este proxecto foi presentado no II Congreso Nacional de Arquitectura Saudable, que se celebrou en Madrid o pasado mes de outubro.
Segundo lle dixo Ángeles Vázquez, durante este 2026 está previsto acometer a primeira fase desta iniciativa, que consistirá na restauración da capela, a palleira e a praza situada entre ambas construcións. Ademais, seguirase avanzando no proxecto para crear unha residencia de artistas.