CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Vilanova de Arousa analizan vías de colaboración en cuestións vencelladas co saneamento da auga e a xestión do litoral

Ángeles Vázquez e Gonzalo Durán avaliaron a situación do proxecto para a mellora do saneamento municipal -que beneficia tanto a Vilanova como a Cambados-, no que se están a definir as posibilidades de financiamento de cara á execución das obras

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde unha reunión co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, na que avaliaron vías de colaboración en cuestións vencelladas co tratamento das augas residuais e coa xestión do litoral.

En relación cos recursos hídricos, analizaron a situación do proxecto para a mellora do sistema de saneamento de Vilanova de Arousa -que discorre tanto por este municipio como polo de Cambados-, no que se están a definir as posibilidades de financiamento das distintas actuacións. Ao mesmo tempo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sacará proximamente a información pública, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a solicitude de outorgamento de concesión de ocupación de dominio público marítimo-terrestre para a execución deste proxecto. 

A maiores, a conselleira e o rexedor acordaron tamén estudar posibles colaboracións ao abeiro do programa de Augas de Galicia Lecer nos ríos, que conta cun orzamento dun millón de euros este ano para promover a realización de festivais e eventos ambientais en áreas fluviais con actividades de lecer e deportivas.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, tamén lle trasladou ao alcalde que está previsto que unha das etapas do Camiño do Litoral de Galicia pase por Vilanova de Arousa. De feito, nesta localidade habilitarase un panel con información de interese para os visitantes, ao que o Concello poderá facer achegas ou aportacións de cara á inclusión no mesmo. 

Neste sentido, lembrou que o trazado deseñado para este camiño se atopa en fase de estudo e análise de aportacións, unha vez que o pasado 10 de marzo rematou o prazo de información pública, no que todas as persoas interesadas podían facer as suxestións e consideracións que estimasen oportunas.