As tarefas que executa Augas de Galicia prolongaranse durante máis de tres semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de dous quilómetros en varios ríos no Concello de Ribeira.
As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvolveranse nun tramo de algo máis de medio quilómetro no río Artes, ao seu paso pola parroquia de San Martiño de Oleiros; en 300 metros do río Listres á altura de San Paio de Carreira; e en preto de 350 metros do río Chemiso, en San Pedro de Palmeira. No caso desta última parroquia, tamén se actuará en algo máis de 400 metros do rego das Saíñas. A maiores tamén se realizarán tarefas en máis de 360 metros dun rego innominado na parroquia de Santa Uxía de Ribeira.
Os traballos, que se prolongarán durante tres semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle, e eliminación de especies exóticas invasoras. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha carretilla.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.