CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o concello da Arnoia avalían vías de colaboración para mellorar os servizos de abastecemento e saneamento na localidade

Analizaron iniciativas para mellorar as redes na contorna da Queixeira e da vila termal

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, na que avaliaron varios proxectos de cara á mellora dos servizos de abastecemento e saneamento na localidade.

Nese senso, unha das iniciativas municipais abordadas foi a mellora da rede de saneamento que dá servizo a varios edificios públicos e a unha vivenda particular na contorna da Queixeira. Segundo explicou o alcalde, as últimas crecidas do río Arnoia afectaron á tubaxe polo que sería precisa a actuación.

Por outra banda, a conselleira e o rexedor tamén analizaron o abastecemento na zona da vila termal. Neste caso, o alcalde presentou un proxecto para substituír máis de 800 metros da actual tubaxe por unha nova de polietileno xa que sofre continuas roturas pola súa antigüidade.

En ambos os dous casos, Ángeles Vázquez indicoulle ao alcalde que Augas de Galicia estudará os proxectos de cara a avaliar a súa viabilidade e estudar posibles vías de colaboración, técnica e financeira, para acometelo. A maiores, a conselleira lembroulle ao rexedor que Augas de Galicia pon á disposición dos concellos distintas liñas de axudas relacionadas con actuacións de abastecemento e saneamento as que podería optar para levar a cabo estes proxectos.

Durante a reunión a conselleira reiterou que, aínda que as competencias en materia de saneamento e depuración son municipais, a Xunta mantén o seu compromiso de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar un servizo de calidade.

Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos de 2026, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.