CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Porto do Son avalían vías de colaboración para mellorar as redes de saneamento e abastecemento municipais

Os Executivos galego e local vanse coordinar para elaborar un proxecto co obxectivo de conectar os núcleos de poboación que quedaron fóra do sistema de saneamento á nova estación depuradora de augas residuais

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, avaliaron hoxe vías de colaboración para mellorar as redes de saneamento e abastecemento do municipio e os servizos prestados á veciñanza neste eido.

No eido do tratamento das augas residuais, as partes analizaron fórmulas coas que dar solución á falta de conexión dalgunhas vivendas illadas ao sistema de saneamento municipal. Neste sentido, o Executivo galego e o Concello vanse coordinar para elaborar un proxecto mediante o cal os núcleos de poboación pendentes poidan incorporarse á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do municipio.

A conselleira, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, abordou tamén as propostas do Concello para mellorar o servizo de abastecemento en varias parroquias de Porto do Son, co fin de garantir a subministración de auga potable durante todo o ano, especialmente nos meses de verán. Con ese fin, acordaron manter novos contactos no futuro co fin de deseñar e perfilar a mellor solución posible desde o punto de vista técnico para dar resposta ás necesidades trasladadas polo Goberno local.

Cómpre lembrar que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento, abastecemento e depuración é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 subiu un 5,5%, ata os 151,7 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos, co fin de que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.