Instaláronse máis de 500 metros de canos que permitirán dar servizo a 12 domicilios
Estas axudas beneficiaron a un total de 14 concellos da provincia por un valor próximo aos 450.000 euros
Mondariz (Pontevedra), 9 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o lugar de Boente (Gargamala), xunto ao alcalde e Mondariz, Pablo Barcia, onde se instalou unha nova rede de abastecemento de auga potable grazas a unha axuda da Xunta de máis de 30.000 euros.
A axuda encádrase dentro da liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental e permitiu dotar de servizos a un total de 12 domicilios. Así, a actuación consistiu na instalación de máis de 500 metros de canos de polietileno de alta densidade cun diámetro de 63 e 50 milímetros, dependendo da área. Ademais tamén se instalaron novos contadores intelixentes que permiten facer un seguimento do consumo en tempo real.
O Delegado territorial destacou a importancia de manter liñas de colaboración cos concellos e asegurou que “hai que confiar nas decisións dos alcaldes porque so os que mellor coñecen as necesidades dos seus veciños e veciñas”
Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 14 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 450.000 euros.
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.