A actuación está destinada a mellorar a capacidade hidráulica do leito do río e a evitar asolagamentos no núcleo da Tafona
Os traballos para minimizar a posibilidade de que se produzan desbordamentos no ámbito desta área con risco potencial significativo de inundación é froito da colaboración entre Augas de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Viveiro
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2026
A Xunta adxudicou por algo máis de 770.000 euros, con IVE incluído, a obra de melloras estruturais para a redución do risco de desbordamentos da Área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) fluvial do río Fontecova, no concello lucense de Viveiro.
A actuación de melloras estruturais enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro, que ten vixencia ata finais deste ano. O financiamento realízase con cargo a fondos procedentes do MRR, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do NextGenerationEU.
Do investimento total, Augas de Galicia achega preto do 61% e o resto apórtano a partes iguais o organismo provincial e o concello. As actuacións do proxecto localízanse na Arpsi Río Fontecova, pertencente ao grupo IV (risco elevado) e ao ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. O proxecto construtivo ten como base as propostas específicas de xestión do risco de inundación desenvolvidas previamente por Augas de Galicia nesa zona e consensuadas co concello.
O fin último das intervencións é mellorar a capacidade hidráulica do leito do río nun tramo de 280 metros de lonxitude, unha zona cunha importante presión urbana en ambas marxes na que as inundacións afectan a vivendas situadas no núcleo da Tafona.
As obras, cunha duración estimada de oito meses, realizaranse en catro treitos repartidos nun total de 11,3 quilómetros, que son os que integran a Arpsi Río Fontecova. As principais obras implicarán realizar a canalización das marxes do río, actuacións no azude e tarefas de urbanización de pavimentos.