CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta actuará este ano en preto de 300 quilómetros de canles fluviais para garantir un bo estado de conservación e previr o risco de asolagamentos

Ángeles Vázquez subliña que esta planificación inclúe tarefas ordinarias e preventivas de mantemento dos ríos, como a retirada de obstáculos, o control e xestión de vexetación ou a eliminación de especies exóticas invasoras

Lembra que ata 2030 se van investir máis de 65 millóns de euros para reforzar a actuación integral nos ríos, combinando a prevención, planificación e protección das persoas e do territorio ante o risco de inundacións

En Alfoz, estanse a desenvolver actuacións en preto de 4 quilómetros do río Ferreira, consistentes na retirada de biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle

Alfoz (Lugo), 4 de marzo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou hoxe que a Xunta ten previsto actuar este ano en preto de 300 quilómetros de canles fluviais da demarcación hidrográfica Galicia Costa para garantir un bo estado de conservación e previr o risco de asolagamentos.

Durante a visita que realizou esta mañá aos traballos que se están levando a cabo no río Ferreira, en Alfoz, Ángeles Vázquez subliñou que esta planificación, que conta cun financiamento de 4 millóns de euros, inclúe tarefas ordinarias e preventivas de mantemento dos ríos, como a retirada de obstáculos e acumulacións de materiais, o control e xestión de vexetación, a eliminación de especies exóticas invasoras e a mellora da sección hidráulica das canles fluviais.

Nese senso, a conselleira fixo fincapé en que a programación destes traballos combina a planificación técnica de Augas de Galicia coa atención ás solicitudes presentadas por concellos e particulares, dando prioridade a aquelas intervencións que presentan unha maior incidencia sobre a seguridade das persoas e dos bens.

De feito, Ángeles Vázquez puxo en valor que os contratos continuados de conservación e mantemento fluvial que Augas de Galicia ten durante todo o ano permiten, ademais de actuar de forma permanente na prevención e retirada de biomasa das canles, acometer traballos de emerxencia cando é necesario.

A maiores, a conselleira lembrou que ata 2030 se van investir máis de 65 millóns de euros para reforzar este modelo de actuación integral nos ríos, que combina a prevención, planificación e protección das persoas e do territorio ante o risco de inundacións. As accións previstas van desde a predición e a conservación ata a execución de obras co fin de mellorar o comportamento dos ríos e reducir o impacto dos desbordamentos na contorna.

Río Ferreira, en Alfoz

No caso concreto que Alfoz, que hoxe visitou a conselleira, xunto co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, as actuacións desenvolveranse en preto de 4 quilómetros do río Ferreira. Os traballos, que se prolongarán ao longo de catro semanas, consistirán na retirada de biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén roza rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle. Realizaranse coa aplicación de motoserras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas. Neste caso, trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

A maiores, a conselleira avanzou que tamén está previsto desenvolver outra acción deste tipo no concello de Alfoz. En concreto, será no río Ouro, nunha área que tamén está catalogada como Arpsi.