As actuacións acometeranse no camiño da Torroeira, en Costa Redonda, e na contorna da N-550 ao seu paso pola parroquia de Santa Eulalia de Mos
O Executivo galego seguirá apoiando ao local no desenvolvemento do proxecto de acondicionamento e mellora da Senda do río Louro, para o que xa aportou 70.000 euros e que busca ofrecer un espazo de lecer único á veciñanza
Mos (Pontevedra), 26 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, na que abordaron as posibilidades de colaboración en distintos proxectos para a ampliación e mellora da rede de saneamento de augas residuais municipal.
A responsable autonómica, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, destacou que a Xunta e o Concello de Mos colaborarán na execución da futura rede de saneamento do camiño da Torroeira, na parroquia de Louredo, unha actuación á que ambas administracións destinarán algo máis de 125.000 euros.
O fin último destas obras é dotar de saneamento municipal a un total de 12 vivendas localizadas nesta zona e unha poboación beneficiada estimada de 48 habitantes. A nivel técnico, a actuación proxectada no camiño da Torroeira funcionará por gravidade ata a súa conexión co pozo existente próximo á estrada N-550 e compoñerase dun só ramal de aproximadamente 280 metros de lonxitude.
Ademais, a Xunta tamén colaborará co Concello para levar a cabo o saneamento en Costa Redonda, tamén en Louredo, cun orzamento inicial estimado de 170.000 euros, e en varios tramos da estrada N-550 ao seu paso pola parroquia de Santa Eulalia de Mos.
Aínda que as competencias en materia de saneamento de augas residuais son municipais, a Xunta, a través de Augas de Galicia, vén prestando apoio técnico e financeiro tanto para a construción de grandes obras e infraestruturas de saneamento e depuración como para colaborar en proxectos de menor envergadura, pero que ofrecen unha solución viable a problemas relacionados coa prestación destes servizos e que, por ese mesmo motivo, teñen un impacto moi positivo na calidade de vida da veciñanza.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nas contas da Xunta de 2026, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis ca en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento -108,7 millóns de euros- e case a metade -73,6 millóns- especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
A maiores a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén vai seguir colaborando co Concello no desenvolvemento do proxecto de acondicionamento e mellora da Senda do río Louro, que vén de conseguir de novo o distintivo Sendeiro Azul 2026 no tramo entre o Camiño de Gata e o Camiño Noveleda. Polo momento a Xunta aportou 70.000 euros para apoiar esta iniciativa e analizará as novas accións que programa o Goberno local co fin de seguir colaborando neste eido.
O obxectivo tanto do Executivo autonómico como do municipal é garantir o coidado e protección da riqueza natural existente á beira do río e permitir, ao mesmo tempo, que sexa un espazo de lecer único do que poida gozar o conxunto da cidadanía.
Visita empresarial
Antes da reunión en Mos, a conselleira visitou as instalacións que a empresa De Heus ten no Porriño, onde coñeceu o proceso de elaboración de pensos para alimentación animal desta compañía internacional, con plantas de produción en máis de 20 países e con actividade comercial noutros 75 con marcas como a coñecida Pensos Biona.
A responsable autonómica coñeceu a fábrica pontevedresa -unha das tres existentes en Galicia, xunto ás de Sada e Lugo- e puxo en valor que as últimas inspeccións realizadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nas súas instalacións revelaron un grado de cumprimento moi alto coas exixencias incluídas na súa autorización ambiental integrada (AAI).
A planta do Porriño, inaugurada en 1972 baixo a firma galega Saprogal, conta cunha capacidade máxima de produción de 80.000 toneladas ao ano, con distintos produtos destinados á alimentación de gando vacún, porcino e avicultura.
A maiores, o grupo De Heus destaca tamén polo desenvolvemento de campañas a prol da sostibilidade, como a iniciativa Nutrindo ás xeracións futuras, para impulsar proxectos que demostren que a sostibilidade e o éxito empresarial van da man. Entre eles está a acción Deixando pegada, que promove medidas a nivel local que xeren impacto positivo no conxunto da sociedade.