Anima ás administracións locais a solicitar as axudas que Augas de Galicia ten previsto convocar nos vindeiros días para apoialas no desenvolvemento destas diagnoses cun orzamento global de 700.000 euros
Os concellos de menos de 50.000 habitantes e as entidades locais menores poderán optar a un máximo de 15.000 euros en cadansúa orde de axudas
Augas de Galicia convocará este ano un total de 8 ordes de axudas por preto de 9,3 millóns de euros, un 22% máis que en 2025, para mellorar o saneamento, o abastecemento e a protección dos ríos
Toén (Ourense), 24 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a importancia de auditar as redes municipais de abastecemento e saneamento para identificar as seus problemas e determinar as actuacións a acometer para a súa resolución.
Nesa liña, a conselleira animou ás administracións locais a solicitar as axudas que Augas de Galicia ten previsto convocar nos vindeiros días para apoialas no desenvolvemento destas diagnoses cun orzamento global de 700.000 euros. En concreto, 500.000 euros destínanse ás auditorías das redes de saneamento e os 200.000 restantes teñen como obxecto a análise dos sistemas de abastecemento.
En concreto, segundo explicou a conselleira, os concellos de menos de 50.000 habitantes e as entidades locais menores poderán optar a un máximo de 15.000 euros para analizar o funcionamento das redes de traída municipal para, a continuación, elaborar plans de actuación que minimicen as perdas de auga. Esa será tamén a contía máxima dos apoios para localizar posibles infiltracións de augas sen depurar.
“A Xunta sempre estará ao carón dos concellos para apoialos no obxectivo de ofrecer os mellores servizos á súa veciñanza e unha xestión profesional e eficiente das augas é fundamental tanto para mellorar a calidade de vida no rural como para consolidar a resiliencia da Comunidade fronte ao cambio climático”, incidiu Ángeles Vázquez.
Cómpre indicar que nas vindeiras semanas Augas de Galicia tamén convocará axudas para minimizar as perdas de auga en redes de abastecemento e para reducir as infiltracións nos sistemas de saneamento.
Nese senso, a conselleira engadiu que estes apoios compleméntanse coas axudas xa convocadas para mellorar as instalacións de abastecemento de auga das comunidades de usuarios, renovar as foxas sépticas en vivendas unifamiliares e instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados.
Como subliñou Ángeles Vázquez, este ano a Xunta, a través de Augas de Galicia, convocará 8 ordes de axudas por preto de 9,3 millóns de euros -un 22% máis que en 2025-para mellorar o saneamento, o abastecemento e a protección dos ríos.
De feito, o Concello de Toén foi un dos beneficiarios desas axudas ao recibir desde 2024 preto de 110.000 en apoios nesta materia. En concreto, no ano 2024 recibiu cadansúa axuda para realizar auditorías de abastecemento e saneamento, por un total de preto de 22.000 euros, e o pasado ano contou tamén con dúas achegas para realizar obras de mellora -máis de 85.000 euros-.
Así, a obra que visitou hoxe a conselleira, xunto co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, recibiu unha axuda de preto de 44.500 euros para rehabilitar un tramo de colector no lugar de Puga para reducir as infiltracións de augas alleas á rede, mellorar a capacidade hidráulica do sistema e reducir o consumo enerxético da depuración.
Ademais, instalaranse sistemas de telecontrol e sensores en estacións de bombeo e foxas para optimizar a xestión e control do ciclo urbano da auga a través da dixitalización da rede.