CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta programa unha proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación da presa da Ribeira das Pontes para o vindeiro 25 de febreiro

A proba, que non afectará á actividade diaria da veciñanza, servirá para comprobar o sistema de aviso acústico que se activaría en caso de rotura

O Goberno galego afonda así na súa aposta pola prevención ante calquera emerxencia

As Pontes (A Coruña), 22 de febreiro de 2026

A Xunta ten previsto realizar o vindeiro día 25 de febreiro unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas á presa da Ribeira, no concello das Pontes.

Durante a proba sonora activaranse as sirenas adscritas ao plan de emerxencia da presa da Ribeira cos sonidos de alerta que se utilizarían para informar á poboación en caso de rotura inminente da presa. A finalidade da proba, ademais de comprobar o correcto funcionamento do sistema, é que a poboación se familiarice co dito sonido.

Na proba participará persoal de Augas de Galicia, Protección Civil da Xunta de Galicia e da Delegación do Goberno así como de Endesa, como titular da infraestrutura e contará coa colaboración do concello das Pontes.

Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada tanto da proba como das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.

Paralelamente á proba, durante toda a semana, tamén se realizarán actividades de formación e información relacionadas co plan de emerxencia consistentes en reparto de trípticos e carteis informativos con información á poboación e consignas de actuación, formación do persoal e actividades de divulgación.