CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recupera a contorna do sendeiro tradicional da ‘Gabia dos Ánxeles’, en Boimorto, cun investimento de máis de 25.000 euros

Augas de Galicia financiou os traballos na zona, que incluíron a limpeza das marxes, a instalación de pasarelas, de elementos de sinalización e arranxos dos firmes, así como da canle do muíño existente na zona

Ángeles Vázquez salienta a colaboración cos concellos, como o de Boimorto, como clave para a mellora da accesibilidade das contornas fluviais e para promover o seu uso responsable polo conxunto da cidadanía

O Executivo galego asinou 12 convenios deste tipo con 14 entidades locais mobilizándose algo máis de 1,5 millóns de euros

Boimorto (A Coruña), 22 de febreiro de 2026

A Xunta investiu máis de 25.000 euros na recuperación da contorna do sendeiro tradicional da Gabia dos Ánxeles, no concello coruñés de Boimorto. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa visita á zona.

A responsable autonómica explicou que os traballos, financiados integramente por Augas de Galicia, deron resposta ás demandas da veciñanza da parroquia dos Ánxeles e materializáronse trala sinatura no segundo semestre do ano pasado dun convenio de colaboración co Goberno local.

Este sendeiro tradicional está relacionado coas concas dos ríos Batán e Iso, que son afluentes do Tambre e do Ulla, respectivamente, e as tarefas desenvolvidas incluíron a limpeza manual e mecánica de camiños, incluíndo as marxes fluviais.

A maiores, instaláronse catro pasarelas, cinco paneis informativos e 16 fitos, todos de madeira, e reparáronse as zonas máis danadas do sendeiro coa aplicación de saburra ao tempo que se arranxou a canle do muíño existente nas proximidades.

Neste sentido, a conselleira salientou a importancia da colaboración cos concellos, como o de Boimorto, para reforzar o valor ambiental e paisaxístico das contornas fluviais, garantindo un uso sostible e respectuoso por parte da veciñanza e dos visitantes.

Esta actuación enmárcase na estratexia posta en marcha por Augas de Galicia o ano pasado para a posta en valor das contornas fluviais, que ten entre as súas liñas prioritarias a mellora da accesibilidade e dos servizos públicos nestas áreas. Ao abeiro desta estratexia asináronse un total de 12 acordos con 14 entidades locais mobilizándose algo máis de 1,5 millóns de euros.

Este tipo de actuacións, que inclúen reparacións e sinalización interpretativa, buscan fomentar o uso responsable dos espazos fluviais como lugares de lecer, educación ambiental e benestar comunitario.