A conselleira e a rexedora avaliaron tamén as posibilidades que ofrecen outras achegas como as convocadas para a preservación do patrimonio natural en espazos protexidos ou as dirixidas a impulsar solucións naturais fronte ao quecemento global
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, na que lle trasladou as distintas liñas de axudas que o seu departamento pon este ano a disposición dos concellos. Entre elas están as relacionadas con actuacións de abastecemento e saneamento de auga ou as vencelladas coa xestión dos residuos domésticos así como as de conservación dos espazos naturais.
Neste sentido, a responsable autonómica detallou que Augas de Galicia conta este ano con cinco liñas de apoios dirixidas aos municipios e entidades locais menores -con menos de 50.000 habitantes- cun orzamento global que rolda os 7 millóns de euros. As accións subvencionables son obras para minimizar as fugas no abastecemento e reducir as infiltracións nas redes de saneamento así como os proxectos para renovar e/ou instalar sistemas de depuración autónomos en núcleos rurais illados ou a realización de auditorías nos sistemas de abastecemento e saneamento de titularidade municipal.
A convocatoria de axudas para sistemas de depuración autónomos saíu publicada no Diario Oficial de Galicia a semana pasada, polo que está aberto o prazo para solicitalas, e o resto está previsto que se convoquen proximamente.
En canto ás achegas para a xestión dos residuos de orixe doméstica, a conselleira lembrou que a convocatoria foi publicada no DOG o día 6 deste mes e que conta cun orzamento de máis de 5,1 millóns de euros distribuídos en distintas liñas co obxectivo de avanzar cara a un modelo de economía circular a nivel local.
Nesta ocasión flexibilízanse os requisitos de acceso a elas coa finalidade de que cheguen a un maior número de entidades locais, incluídas as de pequeno tamaño como pode ser o concello de Trazo. De feito, froito da experiencia acadada en anos anteriores, decidiuse eliminar a achega económica obrigatoria do 10% do proxecto que debían facer os concellos. E a maiores, o IVE será subvencionable, polo que se reduce aínda máis o esforzo financeiro que terán que facer os municipios e facilítase unha participación máis ampla, incluso daqueles de pequeno tamaño e con menor capacidade financeira.
Ángeles Vázquez salientou que hai un total de sete liñas de apoio dentro da convocatoria para avanzar na xestión dos biorresiduos, dos residuos téxtiles, modernizar e mellorar os puntos limpos fixos e móbiles e avanzar no camiño da dixitalización dos servizos municipais de recollida do lixo.
Ángeles Vázquez e Josefina Suárez tamén abordaron outras liñas de achegas xa convocadas como as dirixidas a concellos, entidades e particulares para a preservación e mellora do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos da comunidade -nos parques naturais, reservas de biosfera e áreas da Rede Natura, cun orzamento de preto de 2 millóns de euros- ou as dirixidas a impulsar solucións naturais coas que previr os riscos derivados do quecemento global. A convocatoria destas últimas, cun crédito máximo dispoñible de 2 millóns de euros, saíron publicadas hoxe no DOG e poderán solicitarse a partir do próximo 27 de xaneiro ás 12,00 horas.