CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta realiza labores de conservación fluvial en preto de 11,5 quilómetros en varios ríos ao seu paso polo concello de Porto do Son

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 22 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas das canles fluviais para evitar atoamentos, así como na eliminación de especies exóticas invasoras

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 11,5 quilómetros en varios ríos ao seu paso polo Concello de Porto do Son.

As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello, desenvolveranse en diferentes tramos dos ríos Hornanda, Igrexa, Sandián, Sancho, Cans, Quintáns, Chico, Corzo, Caamaño e Sieira, así como en varios regos innominados.

Os traballos, que se prolongarán durante 22 semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle. Tamén se eliminarán especies exóticas invadosoras. As actuacións realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor ou unha carretilla de carga.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.