CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta e o Concello de Castro de Rei analizan o proxecto para mellorar a calidade da auga do servizo de abastecemento

Esta actuación, que suporá un investimento de un millón de euros, é necesaria para solucionar os problemas que provocan que unha parte da veciñanza, locais de hostalaría e empresas non poidan facer uso da auga da traída municipal

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, reuníronse recentemente en Santiago de Compostela para analizar o proxecto para mellorar a calidade da auga do servizo de abastecemento.

En concreto, no marco do proxecto de mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) que se está a redactar, Augas de Galicia prepara unha separata que permita axilizar as accións necesarias para garantir un consumo de auga seguro por parte da veciñanza. Nesa liña, Ángeles Vázquez indicoulle ao alcalde que o orzamento previsto para levar a cabo esta actuación é de 1,2 millóns de euros, que sería financiado nun 80% pola Xunta, mentres que o 20% restante correspondería á administración local.

Segundo lle trasladou o rexedor á conselleira, esta actuación é necesaria para solucionar os problemas que provocan que unha parte da veciñanza, locais de hostalaría e empresas non poidan facer uso da auga da traída municipal.

Durante a reunión a conselleira reiterou que, aínda que as competencias en materia de saneamento e depuración son municipais, a Xunta mantén o seu compromiso de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan prestar un servizo de calidade. 

Nese senso, os orzamentos deste ano de Augas de Galicia, cunha contía global de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025), destinarán 7 de cada 10 euros a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.