As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de 25 semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento en oito tramos de río que suman preto de 20 quilómetros nos concellos de Rois e Padrón.
As tarefas, que se desenvolverán en vaias parroquias destes municipios, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, na roza puntual e selectiva das zonas de acceso ás canles así como na eliminación de especies exóticas invasoras presentes na contorna.
Os traballos, que foron comunicados aos concellos, prolongaranse durante arredor de 25 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras ao tempo que se contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como unha carretilla de carga, un tractor e un camión.
A primeira fase destas actuacións céntrase en máis de 12,2 quilómetros do río Sar ao seu paso por distintas parroquias dos concellos de Rois e Padrón. O segundo tramo máis importante no que se vai actuar suma 1,5 quilómetros no rego de Tarrío ao seu paso polas parroquias de Santa María de Cruces e Santa María de Iria Flavia, no concello de Padrón. O terceiro incide en algo máis de 1,4 quilómetros do río Rubial ao seu paso polas parroquias de Santo Tomé de Sorribas (Rois) e Santa María de Cruces, en Padrón.
A maiores, intervirase en máis de 1,3 quilómetros no rego de Estramundi (Padrón); en algo máis dun quilómetro no río Agra de Lamego, na parroquia de San Lourenzo de Seira; en máis de 800 metros no rego de Avelenda, na parroquia de Santa María de Iria Flavia de Padrón; en 540 metros nun rego sen nome desta mesma parroquia padronesa e en algo máis de 500 metros no rego de Castrelo, na parroquia de Santa María de Herbón.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.