Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta concede axudas a 27 concellos para realizar auditorías nas redes municipais de abastecemento

O número de concellos beneficiarios podería incrementarse, xa que algúns solicitantes están completando o traslado da documentación necesaria a Augas de Galicia

O obxectivo destes incentivos é que os municipios poidan auditar as redes de abastecemento, atallar as perdas e lograr que estas non superen o 20% de media

Estas axudas, que se convocan por segunda vez, subvencionan o 80% do gasto e oscilan, desde un máximo de 6.000 € para municipios de ata 2.000 habitantes, a un máximo de 10.000 € para os de máis de 10.000 e ata 50.000 habitantes

A orde de subvencións prima os concellos máis pequenos, que son os que teñen menos recursos e nos que as perdas de auga en rede poden acadar o 60%

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de conceder axudas a 27 concellos para realizar auditorías nas redes municipais de abastecemento.

O Goberno galego destina a estas subvencións un orzamento total de 200.000€. 

De xeito máis concreto, na provincia da Coruña, beneficiaranse destes incentivos os concellos de Cabana de Bergantiños, Mañón, Laxe, A Laracha, Neda, Oroso, Padrón, Teo, Ribeira e Corcubión; na provincia de Lugo recibirán estas axudas os municipios de Meira, Ribadeo, Paradela, Friol, Viveiro, Rábade, Castro de Rei, O Vicedo e Ribas de Sil; na de Ourense, os concellos do Irixo, A Pobra de Trives, Ribadavia, Coles, Maceda; e na de Pontevedra, os municipios de Fornelos de Montes, Pontecesures e Campo Lameiro.

Cabe sinalar que o número de beneficiarios podería incrementarse, pois algúns municipios solicitantes aínda están completando o traslado da documentación necesaria a Augas de Galicia.

O obxectivo destes incentivos é que os municipios poidan realizar auditorías nas redes de abastecemento para diagnosticar e atallar as perdas de auga en rede e lograr que non se superen o 20% de media. 

Estas axudas, que se convocan por segunda vez, teñen como fin a elaboración de auditorías nos sistemas de abastecemento municipal en alta e de subministración en baixa, para identificar eivas e poder dar solución ás perdas de auga, que acadan o 45% de media. 

O orzamento desta orde distribúese en función da poboación dos concellos solicitantes, primando os máis pequenos, que son os que teñen menos recursos e nos que as perdas de auga en rede poden chegar ao 60%.

Neste sentido, o 30% do importe dos incentivos destínase a concellos de ata 2.000 habitantes; o 25% a concellos de máis de 2.000 e ata 5.000 habitantes; o 20% a concellos de máis de 5.000 e ata 10.000; o 15% a concellos de máis de 10.000 e ata 20.000; e o 10% a concellos de máis de 20.000 e ata 50.000.

As axudas subvencionan o 80% do gasto, con máximos segundo a poboación dos concellos: oscilan desde un máximo de 6.000 € para os municipios de ata 2.000 habitantes; ao máximo de 10.000€ para os de máis de 10.000 e ata 50.000 habitantes.

A Xunta, a pesar de que o abastecemento e o saneamento son competencias municipais, continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer estas responsabilidades de forma eficiente e proporcionar servizos de calidade aos cidadáns.