Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica por máis de 6,3 M€ a dixitalización do rexistro de captacións de augas na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

Estes traballos permitirán á entidade hidráulica da Xunta dispor dunha potente Plataforma tecnolóxica de apoio nas tramitacións relacionadas coa xestión da auga

Trátase do desenvolvemento, implantación e adaptación dunha nova aplicación para modernizar o rexistro de augas, sendo necesario para a súa posta en marcha revisar un a un e verificar en campo todos os expedientes existentes

Augas de Galicia, a través deste contrato, prevé a realización de máis de 10.000 visitas de campo ou a revisión de máis de 19.000 expedientes para a inscrición de máis de 19.000 concesións

A nova estrutura informática de datos posibilitará a reorganización da información dos aproveitamentos de augas na bacía de competencia autonómica e permitirá a emisión de certificacións sobre as inscricións

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2024

A Xunta vén de adxudicar por un importe de 6.330.350 euros os traballos para a creación dunha plataforma tecnolóxica para dixitalizar o rexistro de captacións de auga na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

Este contrato, adxudicado á UTE Aquática Ingeniería Civil, S.L. & Adantia, S.L & Serye Ingenieros, S.L.,  conta cun prazo de execución de 30 meses e ten como obxectivo modernizar e optimizar a xestión do Rexistro de Augas coa posta en marcha dunha nova estrutura informática dos datos relativos aos aproveitamentos de augas na bacía de  competencia autonómica, que permite a emisión de certificacións sobre as inscricións.

Os servizos adxudicados neste contrato comprenden, tamén, o desenvolvemento da nova aplicación do Rexistro de Augas, a revisión dos expedientes de regularización do libro de Rexistro actual e a asistencia, apoio e colaboración na xestión das tramitacións durante o proceso de revisión.

A Xunta, a través deste contrato, prevé a realización de máis de 10.000 visitas de campo ou a revisión de máis de 19.000 expedientes para a inscrición de máis de 19.000 concesións.

Mediante este contrato Augas de Galicia implementa, no ámbito da xestión das concas intracomunitarias, a xestión dos servizos atribuídos no marco das súas competencias para administrar o dominio público hidráulico, nas que se inclúen o outorgamento de concesións e autorizacións, xunto coas do exercicio de inspección e vixilancia, e o do cumprimento das condicións ás que están suxeitas as ditas concesións e autorizacións, conforme á Lei de Augas de Galicia e á normativa europea.

Este contrato é financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU cos fondos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

Estruturación dos traballos

No marco deste contrato, os traballos que debe desenvolver a empresa adxudicataria subdivídense en tres fases, centrándose na primeira no desenvolvemento, formación, implantación e adaptación da nova aplicación do Rexistro de Augas.

Na segunda fase dos traballos procederase á revisión dos expedientes e regularización do Libro de Rexistro no ámbito territorial da demarcación Galicia-Costa; correspondendo a terceira fase á asistencia, apoio e colaboración na xestión das tramitacións sobrevidas durante o proceso de revisión.

En concreto, na primeira fase desenvolverase un módulo de xestión para a revisión de expedientes e inscricións no libro de rexistro. Este módulo permitirá albergar os detalles, a información e a documentación das revisións realizadas, así como servir de base para realizar propostas de inscrición no Rexistro de Augas.

A segunda fase consiste no apoio e asistencia técnica para adecuar as inscricións do Libro de Rexistro actual ás prescricións do regulamento estatal en materia de augas e a posterior migración de datos á nova estrutura informática do Rexistro de Augas e á Base Central da Auga, que xestionará o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Para iso será preciso revisar toda a documentación partindo, en primeiro lugar, dos datos procedentes do Libro de Rexistro actual da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa e, por outra banda, da documentación incluída nos Arquivos oficiais de Augas de Galicia, tanto físicos coma electrónicos.

Como primeira parte do proceso de revisión de expedientes inclúese a dixitalización dos expedientes contidos nos arquivos de entidade hidráulica da Xunta e no Arquivo de Galicia. Unha vez dixitalizados, os expedientes serán revisados en gabinete e, onde resulte necesario, a información será contrastada e verificada en campo, incluíndo a toma de datos non existentes no expediente.

A última fase inclúe o apoio e a colaboración nas xestións xurdidas nos expedientes revisados.

Con este contrato a Xunta contará cunha poderosa ferramenta de apoio nas tramitacións relacionadas coa xestión da auga.