Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta licita o contrato de explotación e mantemento da depuradora municipal de Cambados, cun orzamento de máis de 610.000 euros

A planta trata as augas residuais dos concellos de Cambados e de Vilanova de Arousa

As empresas interesadas neste contrato, para a xestión da depuradora por un período de 9 meses, teñen ata o vindeiro 8 de maio para presentar as súas ofertas

O contrato inclúe os traballos de explotación e conservación das instalacións para que cumpran os obxectivos de depuración en condicións óptimas de funcionamento da planta, deseñada para una poboación de 40.000 habitantes equivalentes

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar o contrato de explotación e mantemento da depuradora do municipio de Cambados por un importe de 612.315 euros.

 

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato para continuar a xestión, por un período de 9 meses, da planta que trata as augas residuais dos concellos de Vilanova de Arousa e Cambados. As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 8 de maio para presentar as súas ofertas.

 

A depuradora de Tragove está deseñada para o tratamento dun caudal medio de 12.000 m³/día e unha capacidade de depuración estimada para unha poboación de 40.000 habitantes equivalentes. Dispón dun tratamento biolóxico con cámara anóxica para eliminación de nitróxeno e con precipitación química de fósforo, con desinfección mediante raios ultra violeta previo ao bombeo de emisario.

 

En concreto, o contrato licitado hoxe abrangue os traballos de explotación e conservación das instalacións que forman parte do sistema de depuración para que cumpran os cometidos para os que foron deseñados en condicións óptimas de funcionamento, garantindo o mantemento e a conservación en perfecto estado de todas as instalacións.

 

A prestación dos servizos de saneamento e abastecemento son unha responsabilidade dos concellos. Non obstante, a Xunta de Galicia vén proporcionando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios que o precisen.

 

Así a Xunta, a través de Augas de Galicia, ten asumido o servizo de mantemento da estación que trata as augas residuais dos concellos de Vilanova de Arousa e de Cambados desde o ano 2005, mediante un contrato de xestión e explotación no que o Goberno galego leva investidos máis de 14 millóns de euros.

 

Na actualidade o organismo hidráulico da Xunta encárgase de prestar estes servizos de depuración en 27 estaciones depuradoras de augas residuais municipais.

 

Cómpre lembrar que a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga impulsada pola Xunta pon á disposición dos concellos ferramentas para profesionalizar os servizos da auga e un sistema de adhesión voluntario para garantir unha xestión de calidade, respondendo ás carencias derivadas das dificultades técnicas e financeiras que teñen moitos municipios na xestión da auga.