Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de adaptación medioambiental da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, nos concellos de Santiso e de Melide

O obxectivo é executar as actuacións necesarias no salto para permitir o remonte dos peixes para favorecer a súa reprodución

Tamén se adecuarán as instalacións existentes para a realización da explotación do aproveitamento hidroeléctrico segundo a modificación da concesión

Este aproveitamento no río Furelos, cun salto neto de 32,4 metros, terá en conta os condicionantes establecidos nas resolucións vinculadas ao mesmo, así como as declaracións ambientais e informes sectoriais correspondentes

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de adaptación medioambiental da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, nos concellos de Santiso e de Melide.

O DOG publica o acordo do Consello da Xunta polo que se aprobou o proxecto sectorial para a ampliación da central hidroeléctrica, co proxecto construtivo correspondente á modificación concesional do aproveitamento hidroeléctrico en explotación do salto de Portodiz, do que na actualidade é titular a sociedade hidroeléctrica Lumymey, S.L.

O proxecto aprobado recolle a adecuación das instalacións do salto existente no río Furelos co fin de permitir o remonte dos peixes para favorecer a súa reprodución, ao tempo que se poida realizar a explotación do aproveitamento hidroeléctrico segundo a modificación da concesión.

Neste aproveitamento dun salto neto de 32,4 metros e un caudal concesional de 5,75 m³/s, as obras a executar sobre as instalacións actuais, inclúen as actuacións para a adecuación ambiental do salto de Portodiz que permitan o remonte das especies ictícolas que, pola altura e as características das ladeiras do río non é sinxelo. Deste xeito, prevese a execución  dunha represa que permite con dúas escalas máis pequenas salvar o obstáculo do salto, favorecendo o remonte dos peixes.

Coa publicación hoxe no DOG da aprobación do proxecto, e notificada aos interesados, poderán comezarse as obras de ampliación, tendo en conta os condicionantes establecidos nas resolucións vinculadas ao aproveitamento no río Furelos, así como ás declaracións ambientais e informes que forman parte do expediente de autorización.

Cómpre lembrar que o proxecto construtivo da ampliación da central hidroeléctrica de Portodiz, no río Furelos, en Santiso foi sometido a información pública o 8 de febreiro de 2021 para alegacións, informes das administración e entidades afectadas.

A aprobación do Proxecto sectorial do proxecto construtivo leva implícita a adaptación por parte dos concellos de Melide e de Santiso dos seus planeamentos urbanísticos ao contido do proxecto sectorial nos prazos que determina este e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico, segundo establece o artigo 11.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

Ademais, segundo o disposto no artigo 13.1 do citado Decreto 80/2000, do 23 de marzo, non resulta necesaria a declaración de incidencia supramunicipal, ao tratarse dun proxecto sectorial en desenvolvemento dun plan sectorial previamente aprobado, como é o Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa.

Esta información pode ampliarse a partir deste enlace ao DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240326/AnuncioO143-290224-0004_gl.html