Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta divulga entre os alumnos do CEIP Ledicia de Ferrol medidas de prevención e redución do risco de inundacións

Os escolares coñeceron a batería de propostas para anticiparse ás inundacións e reducir o seu impacto nas 3 áreas da comarca de maior vulnerabilidade, identificadas no río Cádavo, ao seu paso por Fene; no río Belelle, en Neda; e no rego de Aneiros, no concello de Ferrol

Continúa así a campaña de concienciación para evitar e minimizar as consecuencias dos asolagamentos, no marco das accións de sensibilización e prevención que Augas de Galicia ten en marcha dentro do Plan de Xestión do Risco de Inundación

O plan de zonas inundables da demarcación Galicia-Costa ten detectado 170 áreas de risco potencial e significativo de inundación, das que 47 presentan maior vulnerabilidade, sumando un total de 298 km de río en 55 concellos de Galicia

Con motivo do Día Mundial da Auga tamén hoxe profesionais do sector industrial visitaron a depuradora da Pobra do Caramiñal, co fin de afondar nos efectos dos vertidos e establecer a colaboración entre as administracións e as empresas da zona

As actividades divulgativas tamén se centraron na importancia da auga para avanzar como sociedade e como xeradora de progreso e benestar xa que, “coa auga medramos todos”

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Un grupo de alumnos do colexio de educación infantil e primaria do CEIP Ledicia, de Ferrol, coñeceron hoxe, da man da Xunta, as medidas de prevención e redución do risco de inundación nas áreas fluviais de maior vulnerabilidade na comarca de Ferrolterra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, achegouse esta mañá ao centro escolar coincidindo coa conmemoración, hoxe, do Día Mundial da Auga, que este ano se celebra baixo o lema ‘Auga para a paz’.

Esta actividade enmárcase na campaña de concienciación que a entidade hidráulica de Xunta está a desenvolver para evitar e minimizar as consecuencias dos asolagamentos por desbordamento de ríos, no marco das accións de sensibilización e prevención que ten en marcha dentro do Plan de Xestión do Risco de Inundación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa, de competencia autonómica.

Na xornada de hoxe cos escolares do CEIP Ledicia, a directora de Augas de Galicia expuxo de xeito didáctico os distintos tipos de medidas de prevención e de preparación, que serven para poder anticiparse á inundación e reducir o seu impacto, centrándose especialmente nas tres áreas fluviais da comarca identificadas como de maior vulnerabilidade: no río Cádavo, ao seu paso por Fene; no río Belelle, en Neda; e no rego de Aneiros, no concello de Ferrol.

En concreto, Teresa Gutiérrez explicou aos escolares a batería de medidas transversais a adoptar, desde a mellora da capacidade hidráulica dos ríos, a medidas específicas para os posibles afectados, para cada una destas 3 áreas de risco de inundación da comarca de Ferrolterra. As propostas comprenden actuacións a nivel conca no tramo final do río Magalofes ou rego dos Carballás, e o seu afluínte o río Cádavo; no río Belelle-Neda, área formada polo río Belelle, que no seu tramo final se bifurca en 2, o río Basteiro e o Belelle; e no rego de Aneiros-Ferro.

Cómpre lembrar que o plan de zonas inundables da demarcación Galicia-Costa ten permitido identificar 170 áreas de risco potencial e significativo de inundación (Arpsis), que supoñen 548 km de río. Destas 170 áreas identificadas, 47 son do grupo IV, que son as que presentan maior vulnerabilidade, pola súa afección á poboación, o que supón un total de 298 km de río en 55 concellos de Galicia.

Visita guiada á depuradora da Pobra do Caramiñal

No marco das actividades de conmemoración do Día Mundial da Auga, a Xunta organizou tamén hoxe unha visita guiada á depuradora da Pobra do Caramiñal con profesionais e representantes do sector industrial para afondar no funcionamento do sistema de saneamento e depuración do municipio coruñés.

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, foi o encargado de guiar esta visita á estación de tratamento de augas residuais de titularidade municipal, pero cuxa dirección e explotación presta desde o ano 2005 a entidade hidráulica da Xunta.

Neste caso, a actividade ía dirixida a sensibilizar sobre os efectos dos vertidos industriais e establecer pontes de colaboración e intercambio de información entre as Administracións públicas e as empresas da zona.

Nesta visita, a través dos técnicos de Augas de Galicia, os participantes coñeceron de primeira man o detalle do proceso de depuración da planta depuradora, os principais efectos dos vertidos industriais sobre o tratamento das augas e a importancia do seu control en orixe.

Día Mundial da Auga 

O Día Mundial da Auga ten como obxectivo poñer en valor a importancia deste recurso para a vida, amosar a problemática existente en materia de augas a nivel global e fomentar o avance na consecución do obxectivo de desenvolvemento sostible da xestión equitativa da auga. 

O lema escollido este ano pola Organización das Nacións Unidas é ‘Auga para a paz’, co que se quere concienciar da importancia da auga e da súa capacidade para crear paz ou, pola contra, desencadear conflitos. 

Deste xeito, as actividades divulgativas no día de hoxe impulsadas pola Xunta centráronse tamén na importancia da auga para avanzar como sociedade e como xeradora de progreso e benestar xa que, tal e como destacou a directora de Augas de Galicia, e como recolle a campaña da Xunta, “coa auga medramos todos.