Vázquez Mourelle sinala que esta nova actuación xa está recollida nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o que permitirá avanzar na obra que dará servizo a unha poboación de 5.880 habitantes en 2046
Pon en valor as actuacións de posta a punto e modernización da potabilizadora municipal, que garante o abastecemento de auga en cantidade e calidade ao 60 % da poboación do municipio á que lle dá servizo a planta
Destaca que a colaboración da Xunta co Concello fixo posible poñer fin ás interrupcións no servizo municipal de abastecemento e a outras eivas que estaban a restar calidade na auga subministrada aos veciños
Coristanco (A Coruña), 24 de outubro de 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, adiantou hoxe que os veciños de Coristanco verán asegurado o abastecemento de auga cunha nova captación que suporá un investimento de 508.000 €.
Vázquez Mourelle explicou que se trata dunha actuación que xa está recollida nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o que permitirá avanzar nas obras desta nova captación de Coristanco, que dará servizo a unha poboación de 5.880 habitantes no ano horizonte 2046.
Así o trasladou hoxe Vázquez Mourelle na visita que, xunto co alcalde de Coristanco, Juan García, realizou ás instalacións da estación de tratamento de auga potable municipal para supervisar o resultado das actuacións executadas para garantir e mellorar o abastecemento de auga no municipio.
A conselleira puxo en valor esta actuación, froito da colaboración entre Xunta e Concello de Coristanco, que conseguiu poñer a punto e modernizar a potabilizadora municipal, garantindo o abastecemento de auga, en cantidade e calidade, ao 60 % da poboación do municipio á que dá servizo esta planta de tratamento de auga potable.
A mellora do sistema de abastecemento de Coristanco supuxo un investimento conxunto de 765.000 €. A Administración autonómica achegou un 80 % do investimento, case 613.000 € e apoiou tecnicamente á entidade local no desenvolvemento das obras para acadar un funcionamento eficiente desas instalacións municipais. O Concello, pola súa banda, levou a cabo as obras e contribuíu ao seu financiamento achegando o 20 % restante, con 152.000 €.
Ethel Vázquez lembrou estas obras foron declaradas de emerxencia polo Concello tras producirse, en febreiro do pasado ano, unha avaría na estrutura do falso chan do sistema de filtración, o que supoñía a perda do 50 % da capacidade da potabilizadora e, tamén, un risco elevado de perdas do outro 50 % por sobrecarga; e outra avaría no bombeo en alta.
Así, engadiu, grazas ás intervencións levadas a cabo polo Concello, e dirixidas por técnicos de Augas de Galicia, conseguiuse poñer fin ás interrupcións no servizo municipal de abastecemento de auga e outras eivas na potabilizadora que estaban a restar calidade na auga subministrada aos veciños.
Para iso, segundo concretou a conselleira, actuouse na unidade de tratamento primario da potabilizadora, substituíndoo por un tratamento de coagulación-flocuación e posterior decantación (con retirada de lodos); na estrutura de filtros e no sistema de lavado de filtros. Tamén se actuou na caldeiraría e valvularía, esta última cambiada na súa práctica totalidade; renovouse completamente o sistema de automatización e control da potabilizadora; actuouse na liña de lodos e renovouse tanto o bombeo en alta como a sala de reactivos.
Ethel Vázquez fixo fincapé na importancia destas intervención, que enmarcou na colaboración que a Xunta mantén cos concellos para axudalos na prestación de servizos da auga eficientes aos seus veciños: de saneamento, depuración e abastecemento, de responsabilidade municipal.
Ethel Vázquez incidiu que co fin de gañar maior resiliencia para facer fronte a eventuais episodios de escaseza de auga, cada vez máis frecuentes, executarase a nova captación de auga para asegurar o subministro aos veciños de Coristanco.