Modernizáronse os sistema de tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e realizáronse reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle esta semana estas actuacións hidráulicas ao Concello
Dispúxose unha nova rede en Muíños que comeza nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e vai ata a estrada de Mugueimes, onde conecta con outro pozo
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023 A Xunta vén de rematar as obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos do concello de Muíños, tras un investimento de 255.000 euros.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, entregoulle esta semana as actuacións hidráulicas ao Concello, unha vez rematadas as obras de mellora do tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio, e realizadas as tarefas de reparación nas depuradoras do Parque e de Pazos.
As actuación que se executaron incluíron a disposición dunha nova rede en Muíños, que comeza nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e continúa por terreos rústicos cara ao norte, ata a estrada que vai a Mugueimes, onde se conecta cun pozo da rede que baixa pola citada vía.
A nova rede cruza o río ancorada á ponte e descarga nunha nova estación de bombeo desde a que se elevarán as augas á rede da depuradora do Parque.
En canto á nova rede no lugar do Barrio, ten unha lonxitude de 298 metros e conta con 14 pozos de rexistro. Tamén dispón dun ramal lateral de 56 metros en tubo das mesmas características, de 160 mm de diámetro.
Ademais, as obras incluíron a localización e a posta en rasante de tapas de rexistro de pozos na estrada de Mugueimes e a limpeza de areeiros de fosas existentes en distintos núcleos.
As actuacións contaron coa financiación da Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello, polo que a entidade hidráulica da Xunta asumiu o 80% do investimento, cunha achega de 180.000 euros. Tamén levou a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.
Pola súa banda, o Concello de Muíños contribuíu ao financiamento do 20% restante e asumiu as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, comprometéndose, tras a recepción das infraestruturas, ao mantemento e conservación das actuacións levadas a cabo.