Augas de Galicia entregoulle hoxe as infraestruturas hidráulicas ao Concello
O obxectivo destas actuacións é resolver as deficiencias que viñan xurdindo na rede en época de choivas ao superar a súa capacidade, provocando inundacións e vertidos
Executouse unha rede separativa de pluviais de xeito que a actual infraestrutura de colectores se empregará exclusivamente para as augas fecais canalizadas á estación de bombeo de augas residuais
Tamén se repuxo un tramo de 362 metros do colector de fecais que une o polígono da Xunqueira coa estación de bombeo co obxectivo de eliminar as infiltracións de augas residuais
A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora do saneamento en Cedeira, tras o investimento de máis de 608.000 euros.
A Xunta, a través de Augas de Galicia, entregoulle hoxe as infraestruturas hidráulicas ao Concello.
O obxectivo destas actuacións é resolver as deficiencias que viñan xurdindo na rede en época de choivas ao superar a súa capacidade, provocando inundacións e vertidos do sistema unitario polo aliviadoiro do bombeo ao río Condomiñas.
O sistema de saneamento municipal de Cedeira está formado por unha rede principalmente unitaria, excepto nas rúas de nova urbanización que se van modificando a rede separativa, recollendo augas pluviais e fecais.
Para solucionar os problemas detectados, executouse unha rede separativa de pluviais de xeito que a actual infraestrutura de colectores se empregará exclusivamente para as augas fecais canalizadas á estación de bombeo de augas residuais (EBAR).
A nova rede ten unha lonxitude aproximada de 531 metros e está formada por 3 colectores de poliéster reforzado con fibra de vidro.
Tamén se repuxo un tramo de aproximadamente 362 metros do colector de fecais que une o polígono da Xunqueira coa EBAR co obxectivo de eliminar as infiltracións de augas residuais.
As obras incluíron, ademais, a impermeabilización dos pozos de rexistro da rede de saneamento próximos ao río Condomiñas co fin de evitar a filtración de augas ao nivel freático.
A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.