Os técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, iniciaron as inspeccións tras as notificacións do 112
O foco tiña a súa orixe nun pozo de rexistro que forma parte da infraestrutura de saneamento municipal que discorre polo leito do curso fluvial do río
Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello, que acometeu a reparación do colector que amosaba a incidencia, o que permitiu o cese do vertido
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023 A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas no lugar do Sequelo cara o río Lameira, no concello de Marín.
As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, tras a notificación dun vertido recibida desde o Servizo de Emerxencias do 112.
Os técnicos da Xunta desprazados á zona identificaron a orixe nunha deficiencia dun pozo de rexistro que forma parte da infraestrutura de saneamento municipal que discorre polo curso fluvial do río.
Augas de Galicia comunicoulle a situación ao Concello de Marín para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante.
Nunha nova inspección á zona, os técnicos da Xunta verificaron que a reparación do colector que amosaba a incidencia, levada a cabo pola entidade local, permitiu a emenda do vertido.