Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais ao río Fondón, no concello de Redondela

Técnicos do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia localizaron o foco no marco dunha inspección rutineira


 As mostraxes confirmaron a contaminación, identificando a orixe na rede de saneamento municipal que discorría polo lugar de Angorén, na parroquia de Chapela


Augas de Galicia notificoulle ao Concello esta situación e solicitoulle a adopción de medidas para emendar a achega contaminante


Os técnicos da Xunta constataron recentemente o cese do vertido, tras a reparación da infraestrutura de saneamento municipal
 

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2023 A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais cara ao río Fondón, no concello de Redondela.

Este foco foi identificado no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

 

Os técnicos da Xunta desprazados á zona, localizaron a orixe da afección no lugar de Angorén, na parroquia de Chapela.

 

As mostraxes efectuadas polo persoal de Augas de Galicia no foco permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente das filtracións existentes na infraestrutura de saneamento desa zona.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

 

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.