Consellería de Infraestruturas e Movilidade

CMATI

|
|
|
Compartir

A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras do novo colector do río Sardiña en Ferrol, que suporán un investimento de 900.000 euros

Con esta intervención adicional culminarase o saneamento da enseada da Malata, conectando a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña

A previsión da Xunta é adxudicar as obras no verán para inicialas a continuación e que poidan estar rematadas neste mesmo ano

Construiranse 13 pozos e un colector xeral por gravidade, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente executada

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras do novo colector do río Sardiña, que suporán un investimento de 900.000 euros.

 

Esta nova intervención enmárcase na aposta da Xunta polo saneamento da ría de Ferrol, no que investiu máis de 115 M€, tendo como obxectivo a execución da rede de colectores da marxe esquerda do río a culminación do saneamento da Malata.

 

Esta actuación enmárcase nun convenio de colaboración co Concello que prevé un investimento global de 900.000 €, dos cales a Xunta achega o 70%.

 

Antecedentes e obxecto da actuación

A nova intervención complementará as obras xa rematadas na zona da Malata, que supuxeron un investimento de Augas de Galicia de 7,3 M€, permitindo conectar un ámbito da cidade, que ademais de vivendas inclúe o estadio de fútbol, a piscina municipal, a feira de mostras e o pavillón, co sistema de saneamento que conduce as augas residuais de Ferrol e de Narón cara á depuradora.

 

Durante a execución da obra evidenciouse a necesidade de desenvolver unha actuación adicional para completar o saneamento da enseada da Malata, para conectar a ese sistema a marxe esquerda do río Sardiña.

 

Para iso construírase un colector xeral por gravidade, de 1.200 mm de diámetro e 574 metros de longo, ademais de 13 pozos, que irá pola marxe esquerda do río Sardiña, desde a ponte da estrada da Malata ata as proximidades do estadio e verterá á rede de saneamento recentemente culminada.

 

O proxecto tamén inclúe un ramal secundario, que funcionará tamén por gravidade, con 120 metros e 7 pozos estancos.

 

A entidade hidráulica da Xunta traballa co obxectivo de adxudicar as obras no verán para inicialas a continuación e que poidan estar rematadas neste mesmo ano.

 

Esta actuación está cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos municipais de saneamento, depuración e abastecemento e continuar mellorando a calidade de vida da poboación.